Estás en:Novas

A Deputación reúne en Mariñán a representantes da ONU e a AESIA para avanzar na gobernanza global da intelixencia artificial

Formoso destaca que A Coruña "é xa un referente no desenvolvemento dunha IA responsable"
Mariñán acolle a primeira reunión de traballo do novo laboratorio da ONU para a gobernanza da IA

O presidente provincial remarcou que "o interese xeral da sociedade debe primar sobre os intereses económicos no desenvolvemento da tecnoloxía"

A Deputación reúne en Mariñán a representantes da ONU e a AESIA para avanzar na gobernanza global da intelixencia artificial

O Pazo de Mariñán acolleu hoxe unha reunión de traballo entre unha delegación da Oficina de Tecnoloxías Dixitais e Emerxentes das Nacións Unidas, que inclúe o recén creado Laboratorio de Gobernanza da IA para a Humanidade, que terá a súa sede mundial en Valencia, e a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), nun encontro centrado en reforzar a cooperación internacional neste ámbito. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu ás delegacións nunha xornada na que tamén participou o director da AESIA, Alberto Gago; o xefe de gabinete da Oficina para as Tecnoloxías Dixitais de Nacións Unidas, Quintin Chou-Lambert; e a directora do Laboratorio de Gobernanza da IA para a Humanidade, Ana García Robles.

Durante o encontro, os equipos da AESIA e do IA For Humanity Lab das Nacións Unidas intercambiaron experiencias e liñas de traballo co obxectivo de avanzar cara a unha intelixencia artificial ética, segura e centrada nas persoas. A AESIA presentou os seus proxectos en ámbitos como a alfabetización dixital, a monitorización de sistemas de IA e os entornos controlados de probas, así como o seu papel como primeira axencia pública europea dedicada á supervisión desta tecnoloxía.

Na súa intervención, Formoso deu a benvida aos asistentes e puxo o foco na relevancia do momento actual, subliñando que "por primeira vez, os 193 Estados membros das Nacións Unidas están a falar de como ordenar o desenvolvemento da intelixencia artificial a escala global", o que supón "decidir que regras van guiar unha tecnoloxía que xa está presente na vida cotiá e foi definida como a electricidade do século XXI, pola súa capacidade de transformar todos os ámbitos da sociedade"

O presidente provincial destacou tamén que "hai poucos temas que vaian afectar máis ao noso futuro que a implantación IA" e advertiu de que se trata dunha tecnoloxía que "está a cambiar moitas cousas á vez e ademais está a facelo moi rápido".

Formoso incidiu na necesidade de abordar este proceso con responsabilidade, apuntando que "temos que facernos preguntas sobre a ética, a privacidade, a seguridade e, especialmente, sobre o impacto no emprego que vai supor a implantación da IA en todos os niveis".

A Coruña, referencia no desenvolvemento dunha IA responsable

O presidente puxo en valor a aposta do Goberno de España pola Coruña como sede nacional da AESIA, unha decisión que cualificou de "estratéxica" e que permite situar a cidade e Galicia no mapa europeo da intelixencia artificial. "A AESIA converte A Coruña nun referente na supervisión e no desenvolvemento dunha intelixencia artificial responsable", afirmou.

Esta é a primeira reunión de traballo do equipo do novo IA For Humanity Lab, recentemente creado polas Nacións Unidas e que terá a súa sede mundial en Valencia coa contribución de España, que achegou 3 millóns de euros para impulsar o proxecto.

Ese laboratorio vai participar en iniciativas globais para regular a IA a nivel global, con iniciativas como o Panel Científico Independente, no que decenas destacados expertos a nivel mundial analizarán os riscos, oportunidades e impactos da IA, sempre cun enfoque humanista, buscando equilibrio entre a innovación tecnolóxica e a supervisión humana.

Neste sentido, Formoso destacou que "Valencia e A Coruña están chamadas a ser dous polos complementarios: un espazo de reflexión e gobernanza global e outro de supervisión e aplicación práctica da intelixencia artificial", o que permite "participar nas decisións que van marcar o futuro".

Para rematar a súa intervención, o presidente fixo fincapé en que "o interese xeral debe estar por enriba dos intereses económicos no desenvolvemento da tecnoloxía". Afirmou que, sen regulación, "unha corporación chinesa, Elon Musk, Donald Trump ou un oligarca como Mark Zuckerberg poden condicionar a nosa vida decidindo como xestionar a tecnoloxía". Foi contundente aseverando que "a tecnoloxía debe avanzar, e iso está ben, pero o escravismo tecnolóxico pode cambiar este mundo. Se non prima o interese xeral, terán en fronte á sociedade".

Fixo fincapé o presidente en debater profundamente sobre o desenvolvemento das tecnoloxías e pediu precaución en cuestións moi de actualidade, como son o tratamento dos menores nas redes sociais ou a manipulación ideolóxica que se fai nas mesmas. Por isto, solicitou que "os Estados teñan capacidade de intervención contundente sobre o mal uso das tecnoloxías, sen importar como de grande e poderosa sexa a corporación que a xestione".

Nesta fase inicial, o laboratorio centrará a súa actividade en contribuír ao Diálogo Global sobre Gobernanza da IA, o foro impulsado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para fomentar a cooperación internacional neste ámbito, e promoverá encontros internacionais como os Diálogos de Valencia durante os próximos dous anos.