A Deputación sitúa Muros como epicentro do debate sobre as políticas culturais e a súa relación coa mocidade
Baixo o título 'A mocidade e as artes', o foro abordará un dos retos actuais da xestión cultural: a conexión coa xente nova e a súa participación activa na vida cultural
A deputada de Cultura, Natividade González, destaca que «a cultura é un traballo compartido» que require da implicación de todos os axentes para avanzar cara a un modelo máis sólido, accesíbel e inclusivo
A Deputación da Coruña celebrará mañá, xoves, 26 de marzo, en Muros, a segunda xornada técnica da Rede Cultural, centrada na análise e mellora das políticas culturais públicas, cun enfoque específico no papel da mocidade. O encontro, que terá lugar no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil da localidade entre as 16:30 e as 20:30 horas, contará coa participación da deputada de Cultura, Natividade González.
Esta sesión forma parte das xornadas técnicas que a institución provincial promove para favorecer a reflexión colectiva e a mellora continua dun servizo público que chega aos 93 concellos da provincia e mobiliza arredor de dous millóns e medio de euros, abranguendo ámbitos como o musical, escénico, audiovisual ou a dinamización da lingua galega.
Baixo o título 'A mocidade e as artes', o foro abordará un dos retos actuais da xestión cultural: a conexión coa xente nova e a súa participación activa na vida cultural. A xornada propón repensar os modelos tradicionais de programación para avanzar cara a fórmulas máis participativas, que incorporen a voz da mocidade non só como público senón tamén como axente protagonista na creación e toma de decisións.
Neste sentido, a deputada de Cultura, Natividade González, subliña que estas xornadas «son moito máis que un encontro puntual», xa que funcionan como espazos de traballo «moi pegados á realidade, cun carácter práctico, pero tamén reflexivo», orientados a «mellorar a calidade do servizo cultural público que ofrecemos á cidadanía». González destaca, ademais, que «a cultura é un traballo compartido» que require da implicación de todos os axentes para avanzar cara a un modelo máis sólido, accesíbel e inclusivo.
A deputada pon o acento na necesidade de revisar os enfoques actuais en relación coa mocidade e apela a un cambio de perspectiva: «Falamos moito de que á xente nova lle "custa achegarse" á cultura, pero quizais o que temos que facer é preguntarnos como nos achegamos nós a elas e a eles». Neste sentido, coida que o obxectivo é «escoitar máis, acompañar mellor e abrir espazos reais de participación» para que a mocidade deixe de ser só público e pase a ter un papel protagonista.
Desenvolvemento
O encontro desenvolverase cun formato participativo e dinámico, conducido por Carlota Mosquera, que simulará un 'Consello da Mocidade' no que estarán representados distintos ámbitos da cultura e do tecido social. Nesta dinámica darase voz a persoas mozas, profesionais da xestión cultural, representantes asociativos e outros axentes implicados, co obxectivo de compartir experiencias, detectar necesidades e formular propostas de mellora.
A iniciativa pretende fortalecer a colaboración entre os distintos sectores que forman parte da Rede Cultural —persoal técnico, compañías e artistas, e públicos—, promovendo unha cultura máis accesíbel, inclusiva e conectada coa realidade social. Ademais, pretende avanzar na creación de espazos de participación estábeis para a mocidade, como posíbeis consellos municipais, que contribúan a canalizar as súas inquedanzas e propostas no ámbito cultural.
