Sesenta e catro entidades sociais da provincia optan aos Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación
Os galardóns repartirán 42.000 euros en premios e daranse a coñecer o 24 de abril nun acto público en PALEXCO
Os premios rexistran o seu récord de participación, cun incremento de candidaturas do 23%
A Deputación da Coruña reuniu ao xurado da V edición do Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, presidido pola deputada de Política Social, Mar García Vidal, para iniciar o proceso de avaliación das 64 candidaturas presentadas a esta convocatoria.
O número de candidaturas supón un notable incremento do 23% respecto á edición anterior, na que se rexistraran 52, o que confirma o crecente interese das entidades sociais da provincia por este certame e a fortaleza do tecido social coruñés.
Durante a reunión, o xurado comezou a análise das propostas, que optan a un total de 42.000 euros en premios distribuídos en seis categorías, dotadas con 7.000 euros cada unha. Cinco delas están dirixidas a proxectos en distintos ámbitos dos servizos sociais: investigación científica, proxectos sociais no ámbito rural, atención a persoas maiores, discapacidade e dependencia, familia, infancia e adolescencia e inclusión social. A sexta categoría recoñece a traxectoria dunha entidade polo seu labor continuado e o seu compromiso co benestar social.
A deputada Mar García Vidal destacou que "o aumento da participación é unha mostra clara do dinamismo e do compromiso das entidades coa mellora continua, a innovación en materia social e a atención ás persoas máis vulnerables", e subliñou que "este premio consolídase como un unha referencia para visibilizar o traballo imprescindible das entidades sociais provincia".
As candidaturas serán avaliadas polo xurado conforme a criterios como a calidade técnica, o impacto social, o carácter innovador e a sustentabilidade das iniciativas presentadas.
O fallo do xurado darase a coñecer no acto de entrega dos premios, que terá lugar o vindeiro 24 de abril en PALEXCO, nun evento no que a Deputación recoñecerá o labor esencial das entidades sociais como axentes clave do benestar, da inclusión e da cohesión social no territorio.
