Estás en:Novas

A Deputación da Coruña impulsa (IN)VISUAL, que levará a mellor cultura dixital contemporánea ao CEI, cunha innovadora serie de concertos audiovisuais inmersivos

(IN)VISUAL é un novo ciclo de música audiovisual e prácticas dixitais contemporáneas impulsado pola Deputación da Coruña, no marco do CEI Lab, que terá lugar esta primavera en Coruña Estudio Inmersivo, na Cidade das TIC

As experiencias deste novidoso evento de arte e tecnoloxía en Galicia (un total de catro concertos LIVE AV), levaranse a cabo os sábados 2, 9, 16 e 23 de maio, ás 20.00 horas

No programa de (IN)VISUAL danse cita destacadas figuras da creación de vangarda: MAOTIK, Marta Verde & José Venditti, Estela Oliva & Ana Quiroga e MIL111

As entradas, gratuítas cun depósito de 5 euros para a súa reserva que serán reembolsados de xeito automático no momento do acceso, están xa dispoñibles en Ataquilla: https://entradas.ataquilla.com/es/minisites/dfb9d01c-28in29visual

A Deputación da Coruña impulsa (IN)VISUAL, que  levará a mellor cultura dixital contemporánea ao CEI, cunha innovadora serie de concertos audiovisuais inmersivos

Esta primavera, a cultura dixital contemporánea tomará a cidade da Coruña co nacemento de (IN)VISUAL, un novo ciclo de música audiovisual impulsado pola Deputación da Coruña, que terá lugar en Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató de produción virtual de España, situado na Cidade das TIC.

As experiencias deste novidoso evento de arte e tecnoloxía en Galicia levaranse a cabo os sábados 2, 9, 16 e 23 de maio, cun total de catro concertos LIVE AV e un cartel que contará coa presencia dos e das artistas de referencia da cultura audiovisual contemporánea MAOTIK, Marta Verde & José Venditti, Estela Oliva & Ana Quiroga e MIL111. As entradas para esta primeira edición de (IN)VISUAL están xa dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com: https://entradas.ataquilla.com/es/minisites/dfb9d01c-28in29visual

O proxecto está impulsado pola Deputación da Coruña, coa curadoría de HITO: cultura e tecnoloxía, no marco do CEI Lab. CEI Lab é unha iniciativa promovida polo Departamento de Desenvolvemento e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña, orientada ao impulso de proxectos emprendedores de base dixital e tecnolóxica. O seu obxectivo é contribuír á vertebración territorial da provincia mediante a innovación e o desenvolvemento sostible.

A CORUÑA, PUNTA DE LANZA DA CULTURA TECNOLÓXICA CONTEMPORÁNEA

Máis que un evento musical ou un ciclo de concertos, (IN)VISUAL é un dispositivo cultural que conecta territorio, tecnoloxía e creación, convidando a imaxinar como poden ser os espazos culturais da Coruña do mañá.

Así, (IN)VISUAL é concibida como unha experiencia cultural singular, unha cita contemporánea que funciona como relato da cidade do futuro. A proposta sitúase nun punto de tensión estética entre dous mundos: o dunha infraestrutura industrial ligada ao pasado produtivo –a antiga Fábrica de Armas da Coruña, onde hoxe sitúase o CEI– e o das prácticas dixitais que están a redefinir o presente e o futuro da cultura.

O evento impulsado pola Deputación da Coruña acontece nun espazo industrial que conserva a memoria material da Coruña como cidade de traballo e transformación. Sobre ese escenario emerxen linguaxes artísticas profundamente contemporáneas como o LIVE AV, prácticas audiovisuais que combinan son, imaxe e tecnoloxía en tempo real. Esta superposición constrúe unha narrativa baseada na oposición e na continuidade entre industrial e dixital, pasado e futuro, tradición e innovación.

(IN)VISUAL busca converter o CEI da Deputación da Coruña nun espazo cultural de vangarda, atento ás novas prácticas artísticas xurdidas das dixitalidades contemporáneas e como panca de progreso, tamén no terreo do simbólico.

É un proxecto que se articula sobre a relación entre tecnoloxía e creación cultural buscando a reflexión e a experimentación das novas linguaxes audiovisuais mediadas tecnoloxicamente. (IN)VISUAL ábrese a novos espazos, novos públicos, novas sensibilidades, novos xeitos de crear para audiencias educadas na pantalla.

Neste diálogo entre tempos e linguaxes, (IN)VISUAL propón unha nova imaxe da cidade da Coruña: unha cidade conectada coa cultura tecnolóxica contemporánea, aberta ás novas formas de creación e capaz de activar espazos industriais como motores simbólicos de futuro. Así, o evento impulsado pola Deputación da Coruña non só presenta contidos artísticos, senón que reforza a idea de que iniciativas como esta forman parte dun relevo estético, social e tecnolóxico que redefine o ecosistema cultural da cidade.

A través dunha narrativa baseada en conceptos como futuro, dixitalidade, cultura contemporánea, experimentación e experiencia. (IN)VISUAL diríxese tanto ao público xeral curioso pola innovación como, especialmente, a unha audiencia vinculada á cultura contemporánea e ás prácticas artísticas experimentais.

SOBRE O CEI, O MAIOR ESTUDO DE PRODUCIÓN VIRTUAL DE ESPAÑA

Coruña Estudio Inmersivo, o CEI, é o maior estudio de produción virtual de España, chamado a liderar a nova xeración de producións audiovisuais en Europa. Está situado na Cidade das TIC da Coruña e ocupa unha nave de 2.000 metros cadrados, que alberga un plató inmersivo de 800 metros cadrados, equipado coa tecnoloxía máis vangandista en realidade virtual, aumentada e estendida. O proxecto, cofinanciado pola Deputación da Coruña e polo Goberno de España a través de fondos europeos Next Generation, supuxo un investimento de 9 millóns de euros.

O CEI permiten crear escenarios envolventes, dinámicos e hiperrealistas que reproducen con absoluta precisión calquera localización real ou ficticia que poden interactuar con elementos físicos en tempo real. Trátase dun centro de primeiro nivel en Europa, cunha infraestrutura que permite á industria galega, nacional e internacional producir contidos sen límites técnicos, combinando localizacións naturais con escenarios virtuais inmersivos.

O CEI, baixo o amparo da Deputación da Coruña, está xestionado por Pedralonga Estudios, sociedade creada polo Clúster Audiovisual Galego que agrupa ás principais produtoras de Galicia como Portocabo, Vaca Films, Voz Audiovisual, Zenit, Congo, Undodez, Avendaño Estudio, Tex45, Siete Media e Marcote.

Este modelo público-privado axuda non só a consolidar o CEI como centro de rodaxe e produción de contidos virtuais, senón tamén como punto de formación, innovación e xeración de emprego cualificado dentro do sector audiovisual galego. Cunha combinación única de talento, tecnoloxía e investimento, en apenas un ano de vida, o CEI está a posicionar a Galicia como destino audiovisual competitivo a nivel europeo e internacional, ademais de ser un referente da produción audiovisual inmersiva en España.

Este complexo audiovisual único sitúase na Cidade das TIC, a poucos minutos do centro da cidade e a menos de 5 km do aeroporto da Coruña. É un espazo de futuro no que a produción audiovisual se fusiona coa industria TIC e a formación, impulsando a innovación, o talento e o desenvolvemento económico da rexión.

INFORMACIÓN PRÁCTICA (IN)VISUAL

Lugar: Coruña Estudio Inmersivo (CEI) – Avenida de Pedralonga, 32. 15009 – A Coruña

Datas: sábados 2, 9, 16 e 23 de maio de 2026

Programa:

02.05. MAOTIK

09.05. Marta Verde & José Venditti

16.05. Estela Oliva & Ana Quiroga

23.05. MIL111

Apertura de portas: 19.30h

Inicio da experiencia: 20.00h

Reserva de entradas: Ataquilla.com

A entrada ás experiencias de (IN)VISUAL é gratuíta, pero será necesario realizar un depósito de 5 euros por ticket no momento da súa adquisición a través da plataforma Ataquilla.com. Cando o público rexistre a súa entrada no acceso ao recinto, recibirá de forma automática o reembolso do seu depósito.

Traslados: o público poderá acudir ao recinto polos seus propios medios ou facer uso do servizo de autobús que a organización do ciclo poñerá á súa disposición. Neste último caso, a recollida realizarase cada sábado na rúa Juan Flórez, nº 10, contra ás 19.15 horas. A apertura de portas está fixada ás 19.30 horas. Unha vez no recinto, antes do inicio do show (ás 20.00 horas), terá lugar una breve contextualización na Cidade das TIC, de 19.35 a 19.50 horas. De 20.00 a 21.15 horas, desenvolverase a experiencia, en formato show & talk, cunha charla cos e coas artistas implicados e implicadas unha vez que remate o concerto. Ás 21.30 horas, o público que faga uso de autobús estará de volta na rúa Juan Flórez, núm. 10.

SOBRE AS EXPERIENCIAS

02.05. Between Lines, de MAOTIK

Between Lines é unha performance visual reactiva ao audio, deseñada para unha pantalla LED inmersiva e láseres duais. A obra utiliza formas xeométricas baseadas en liñas e cubos para alterar a percepción do espazo, creando unha contorna arquitectónica dinámica xerada completamente en tempo real. As composicións visuais sintetízanse en directo a partir de datos de audio, incluíndo análise de frecuencia, contido espectral e tempo, para producir unha experiencia espacial en continua evolución impulsada polo son.

Mathieu Le Sourd, tamén coñecido como MAOTIK, é un artista dixital francés centrado na creación de contornas inmersivos, instalacións interactivas, esculturas arquitectónicas dixitais e espectáculos audiovisuais que xogan na intersección da arte, a ciencia e a tecnoloxía. MAOTIK crea contornas inmersivos utilizando programas informáticos deseñados á medida que transforman a percepción da realidade en tempo real. O seu enfoque da arte xerativa defínese polo movemento fluído das imaxes e a súa perfecta integración en espazos inmersivos.

As súas creacións inspíranse na natureza, abstraendo a súa esencia a través de esculturas audiovisuais baseadas no azar, creando experiencias únicas cada vez. Con frecuencia, MAOTIK involucra o público na súa obra, ampliando os límites da percepción con arte xerativa, sons, algoritmos e datos, para envolver ás e aos espectadores nunha experiencia artística totalmente inmersiva.

09.05. Prima Materia, de Marta Verde & José Venditti

Prima Materia é a orixe da transmutación, a materia bruta antes da iluminación dourada. Na tradición alquímica, representa a substancia primixenia da que todo pode xurdir: o estado previo á conversión do chumbo en ouro, do caos en orde, da sombra en luz. Este novo proxecto de José Venditti e Marta Verde propón un live audiovisual que se adentra na crueza do son e na fisicidade da imaxe desde unha aproximación esencial e matérico-sensorial.

O saxofón, procesado a través de dispositivos analóxicos, xera unha masa sonora densa e sen estruturas rítmicas definidas, rozando o espectral, o informe. Resonancias sonoras e visuais entrelázanse en tempo real, creando unha experiencia inmersiva e orgánica. As imaxes, xeradas en directo por Marta Verde, xorden da manipulación visual de elementos físicos, amplificados e distorsionados para construír paisaxes abstractas en constante mutación. Prima Materia encarna o impulso cru da alquimia, a posibilidade latente de transmutar. Un traballo visual que parte do material, pero se desprega cara ao simbólico.

Marta Verde e José Venditti son un dúo de artistas que leva desenvolvendo performances audiovisuais desde 2015. No seu traballo exploran os límites da melodía e o ruído, harmonía e tensión, repetición e aleatoriedade, nun exercicio de equilibrio entre composición e libre improvisación. Na maioría dos seus proxectos fan especial fincapé na exploración das experiencias místicas ou espirituais que atravesaron os seres humanos ao longo da historia. O seu é un achegamento ásexperiencias transcendentais desde o traballo con ferramentas e procesos visuais e sonoros matemáticos, xerativos e físicos, coa intención final dunha procura por intentar atrapar ou descubrir aquilo que escapa ao entendemento racional ou científico e trasladalo ao espazo do escenario.

Tanto en conxunto como individualmente presentaron os traballos e proxectos artísticos en espazos e eventos tan sinalados como o Museo Nacional Reina Sofía, o Teatro Circo Price, o Festival In Sonora, LA Contemporary Dance Company, Performa NYC, L.E.V, o Festival Mira, o Centro Cultural Conde Duque, o Espacio Fundación Telefónica, La Casa Encendida, o Círculo de Bellas Artes, Medialab Prado, etc.

16.05. Azabache AV, de Estela Oliva & Ana Quiroga

Azabache AV une á compositora, produtora e deseñadora de son española Ana Quiroga e á artista e directora hispano-británica Estela Oliva, tamén coñecida como CLON. Ambas, asentadas en Londres, comparten a procura constante de novas formas de traballar co son, a arte e as tecnoloxías emerxentes.

Este concerto audiovisual reúne a música de Ana coa obra visual de Estela. Azabache conecta sons doutro mundo nunha exploración ritualista das raíces familiares, as tradicións folclóricas, os amuletos sagrados e a maxia. A interpretación artística de Estela é un portal cara a unha performance inmersiva que fusiona o físico e o virtual. A través de linguaxes próximas ao cinema experimental, os videoxogos e as realidades virtuais, a obra desenvólvese como live cinema no que a imaxe, o son e o espazo se constrúen en tempo real.

Azabache AV foi comisionado para o 30 aniversario de Sónar Barcelona e, antes de visitar A Coruña esta primavera, foi presentado no Festival Imágenes Madrid, no Museo Can Framis e na Noite Branca Sueca. Ao longo da súa colaboración, Ana e Estela desenvolveron conxuntamente performances en vivo, concertos, experiencias inmersivas e narrativas audiovisuais. As súas obras presentáronse internacionalmente en festivais, eventos e plataformas de música electrónica e arte dixital de referencia como Sónar, MUTEK, Festival de Atenas de Arte Dixital e Festival MIRA.

Ana Quiroga é compositora, produtora e deseñadora de son e traballa en diferentes medios como o cinema, proxectos audiovisuais, inmersivos e interactivos. A través da súa práctica, explora novas formas musicais e de narración sonora. Publicou música nos selos Houndstooth, Editions Mego, Other People e Modern Obscure Music. Tamén é coñecida por formar parte do dúo asturiano LCC. Ademais, compón bandas sonoras para cinema e proxectos audiovisuais, incluíndo obras do universo CLON e outras producións independentes.

Estela Oliva é artista, directora e cineasta que explora o impacto das tecnoloxías emerxentes no comportamento humano, na sociedade e na ecoloxía. O seu traballo aborda contornas híbridas onde o físico e o virtual se entrelazan, dando lugar a narrativas especulativas e experiencias inmersivas que se materializan en formatos experimentais, como o cinema, a instalación, a performance e a realidade virtual.

23.05. Sin título 0.1, de MIL111

Sin título 0.1 é unha experiencia audiovisual de MIL111 que propón un espazo de encontro entre o suxeito e o seu reflexo. A pantalla represéntase como un significante: unha superficie aberta que non contén un significado fixo, senón que agarda ser interpretada. As imaxes, os sons e os silencios funcionan como fragmentos que cada visitante debe articular desde a súa propia experiencia, memoria e desexo.

Durante aproximadamente corenta minutos, a peza desenvólvese como un percorrido contemplativo. Formas abstractas, cores en transición e paisaxes sonoras mínimas constrúen unha narrativa aberta que se achega á estrutura dunha meditación: un tempo suspendido no que a atención se despraza lentamente entre percepción, pensamento e emoción.

Sin título 0.1 funciona como un dispositivo de proxección. A imaxe convértese nun espello incompleto no que cada espectador/a pode recoñecer, perder ou reconstruír algo de si mesmo/a/e. É unha experiencia que sitúa no centro ao espectador e o seu baleiro. Un lugar de pausa no que mirar —escoitar— aquilo que, normalmente, permanece fóra da pantalla.

MIL111 é un dúo artístico formado polos artistas visuais Iria del Bosque e Borja Bernárdez. O seu traballo sitúase no ámbito da arte dos novos medios e reflexiona sobre os procesos emocionais e cognitivos do ser humano desde unha perspectiva metafísica evolutiva. A través de diferentes propostas formais e mediante o uso da luz, o espazo, o son e a imaxe, buscan reflexionar sobre a conciencia do ser, a súa existencia no mundo e as múltiples formas nas que o ser humano enche os baleiros existenciais.