A Área de Cultura da Deputación aborda en Muros o reto de facer partícipe a mocidade nas programacións culturais
A localidade acolle esta tarde a segunda xornada técnica da Rede Cultural da institución, baixo o título 'A mocidade e as artes'
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que a participación da mocidade «ten que ser unha preocupación das administracións públicas» e defendeu programar «coa mocidade» para facela protagonista
A Deputación da Coruña celebrou este xoves, 26 de marzo, en Muros, a segunda xornada técnica da Rede Cultural, centrada na análise e mellora das políticas culturais públicas, cun enfoque específico no papel da mocidade. O encontro tivo lugar no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil da localidade entre as 16:30 e as 20:30 horas e contou coa participación da deputada de Cultura, Natividade González.
Esta sesión formou parte das xornadas técnicas que a institución provincial promove para favorecer a reflexión colectiva e a mellora continua dun servizo público que chega aos 93 concellos da provincia e mobiliza arredor de dous millóns e medio de euros, abranguendo ámbitos como o musical, escénico, audiovisual ou a dinamización da lingua galega.
Baixo o título 'A mocidade e as artes', o foro abordou un dos retos actuais da xestión cultural: a conexión coa xente nova e a súa participación activa na vida cultural. A xornada propuxo repensar os modelos tradicionais de programación para avanzar cara a fórmulas máis participativas, que incorporen a voz da mocidade non só como público senón tamén como axente protagonista na creación e toma de decisións.
Na apertura do foro, a deputada de Cultura, Natividade González, reiterou que a participación da mocidade «ten que ser unha preocupación das administracións públicas», e destacou a importancia de impulsar encontros como o celebrado en Muros.
Segundo a súa visión, «non se trata tanto de programar actividades para a mocidade, senón de programar "coa mocidade", facela partícipe». Nesa liña, sinalou que o obxectivo é que, a partir deste foro, xurdan ideas que permitan achegarse á xente moza, «esas persoas tan importantes da sociedade que precisamos que formen parte dos nosos programas».
Desenvolvemento
O encontro desenvolveuse cun formato participativo e dinámico, conducido por Carlota Mosquera, que simulou un 'Consello da Mocidade' no que estiveron representados distintos ámbitos da cultura e do tecido social. Nesta dinámica deuse voz a persoas mozas, profesionais da xestión cultural, representantes asociativos e outros axentes implicados, co obxectivo de compartir experiencias, detectar necesidades e formular propostas de mellora.
Con esta iniciativa, a Deputación procura fortalecer a colaboración entre os distintos sectores que forman parte da Rede Cultural —persoal técnico, compañías e artistas, e públicos—, promovendo unha cultura máis accesíbel, inclusiva e conectada coa realidade social. Tamén se pretende avanzar na creación de espazos de participación estábeis para a mocidade que contribúan a canalizar as súas inquedanzas e propostas no ámbito cultural.
