Estás en:Novas

Cultura da Deputación aproba de forma definitiva as axudas por valor de máis de 762 000 euros para o mantemento de persoal técnico de cultura en 63 entidades locais

A resolución definitiva introduce axustes menores respecto da provisional publicada a finais de febreiro e consolida o apoio á rede cultural municipal en toda a provincia

O FO206 é un programa «fundamental» para garantir que a cultura chegue a todo o territorio, «especialmente aos concellos máis pequenos», destaca a deputada Natividade González

Cultura da Deputación aproba de forma definitiva as axudas por valor de máis de 762 000 euros para o mantemento de persoal técnico de cultura en 63 entidades locais

A Deputación da Coruña aprobou de forma definitiva a concesión das subvencións do programa FO206, destinado a financiar os gastos de persoal técnico nos servizos municipais de cultura durante o exercicio 2026. A resolución, publicada este venres no Boletín Oficial da Provincia, supón a concesión de 762 041,43 euros a un total de 63 entidades locais, consolidando así o apoio á rede de profesionais que dinamizan a actividade cultural en todo o territorio.

Esta resolución definitiva actualiza a concesión provisional feita pública a finais de febreiro, introducindo axustes técnicos derivados do proceso de alegacións e revisión de documentación, sen cambios substanciais na estrutura nin no alcance do programa.

A deputada de Cultura, Natividade González, subliña que se trata dun programa «fundamental para garantir que a cultura chegue a todo o territorio, especialmente aos concellos máis pequenos», e destaca que «a resolución definitiva reforza un modelo de cooperación institucional que permite consolidar estruturas profesionais estables e asegurar unha programación cultural continua, accesible e de calidade».

As contías das subvencións mantéñense nos importes establecidos na convocatoria, cun máximo de 14 475 euros para os postos de técnico de xestión cultural e de 9 650 euros para o persoal de animación sociocultural, aplicándose, como xa se indicara na resolución provisional, unha redución proporcional para garantir que todas as entidades que cumpren os requisitos poidan acceder ás axudas.

No proceso de revisión incorporáronse modificacións puntuais na modalidade dalgunhas solicitudes, en función da documentación achegada polos concellos, sen que isto afecte ao número total de entidades beneficiarias. Neste sentido, a resolución definitiva mantén as 63 entidades locais inicialmente previstas, evidenciando a alta demanda e a consolidación deste programa como ferramenta clave para o sostemento dos servizos culturais municipais.

González destaca que «seguimos a traballar para que a cultura sexa un dereito e un servizo público esencial, vertebrador do territorio e xerador de cohesión social», e incide en que este programa contribúe de maneira decisiva a fortalecer o tecido cultural local e a profesionalizar a súa xestión.

Animación sociocultural (modalidade A)

As entidades beneficiadas das axudas correspondentes á modalidade A son: Ames, Arzúa, Bergondo, Boimorto, Cabanas, Camariñas, Carral, Fene, Fisterra, Frades, Laxe, Mañón, Melide, Mugardos, Muros, Neda, Oleiros, Outes, Paderne, Padrón, Sada, Santiso, Touro, Trazo e O Pino, así como o Padroado da Cultura do Concello de Narón e o Concello da Baña.

Xestión cultural (modalidade B)

Canto á xestión cultural, benefícianse destas axudas A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Betanzos, Boiro, Brión, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carnota, Cee, Coirós, Culleredo, Dodro, Dumbría, Irixoa, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Miño, Noia, Ordes, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, San Sadurniño, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Valdoviño, Vedra, Vilasantar e Vimianzo, ademais da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes.

Máis información no BOP núm. 58, do venres 27 de marzo do 2026.