Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aproba o POS+Social 2026, que incrementa ata os 8 millóns de euros o apoio aos servizos sociais municipais

O programa medra un 14,3% respecto ao ano anterior e permitirá reforzar servizos como a axuda no fogar, xantar na casa, conciliación ou atención a persoas maiores e familias vulnerables

Formoso destaca que se trata "dun apoio clave para garantir servizos sociais próximos e de calidade en todos os concellos"

A Deputación da Coruña aproba o POS+Social 2026, que incrementa ata os 8 millóns de euros o apoio aos servizos sociais municipais

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade de todos os grupos políticos unha nova achega do POS+Social, a liña específica do Plan Único destinada a financiar e fortalecer os servizos sociais municipais. Este ano, o programa contará cun orzamento de 8 millóns de euros, o que supón un incremento do 14,3% respecto aos 7 millóns do pasado exercicio.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, "o POS+Social é un apoio clave para que os concellos poidan garantir servizos sociais próximos e de calidade, que lles chegan directamente ás persoas que máis o precisan, especialmente maiores, persoas dependentes ou familias en situación de vulnerabilidade".

A través deste fondo, os concellos poderán financiar programas e servizos como o reforzo e ampliación do servizo de axuda no fogar, o servizo de xantar na casa, actividades de acompañamento e socialización, programas de conciliación familiar e laboral, servizos de fisioterapia e terapia ocupacional ou axudas directas a persoas e familias en risco de exclusión. Tamén se permite a contratación ou reforzo de persoal técnico e administrativo dos servizos sociais municipais, así como investimentos en infraestruturas e equipamentos sociais que melloren a atención á cidadanía.

Un programa consolidado e en crecemento

O POS+Social naceu no ano 2020 como resposta ao incremento das necesidades sociais dos concellos durante a pandemia e, desde entón, consolidouse como unha das liñas máis importantes do Plan Único. Co incremento deste ano, a Deputación reforza a capacidade dos concellos para prestar servizos esenciais e dar resposta a unha demanda social crecente.

Desde a súa creación, a institución provincial leva investidos preto de 54 millóns de euros nesta liña, contribuíndo a fortalecer a rede pública de servizos sociais nos municipios, especialmente nos de menor tamaño, que son os que teñen maiores dificultades para prestar os servizos sociais debido a escasez de recursos económicos e á dispersión e envellecemento da poboación.

Reparto territorial

O orzamento distribúese entre os concellos da provincia seguindo os mesmos criterios obxectivos do Plan Único: poboación, superficie, dispersión territorial, etc. A maior parte dos fondos destínanse a gasto corrente no ámbito social (salarios, horas de servizo de axuda no fogar...), o que permite financiar servizos esenciais do día a día que melloran directamente a calidade de vida da veciñanza.

O POS+Social forma parte do modelo de cooperación municipal da Deputación da Coruña, baseado na autonomía local e na igualdade de acceso aos servizos públicos. Neste sentido, Formoso subliñou que "apostamos por unha política social útil, próxima e centrada nas persoas, que lles permita aos concellos responder con eficacia ás necesidades reais da súa veciñanza".

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, subliñou que "o POS+Social demostrou ser unha ferramenta moi útil para dar estabilidade aos servizos sociais municipais, permitíndolles aos concellos planificar e manter programas que son esenciais no día a día, desde o SAF ata a atención a familias ou a conciliación. O incremento deste ano supón máis recursos para reforzar equipos, ampliar servizos e chegar a máis persoas"

O POS+Social súmase a outras liñas de axuda que a Deputación da Coruña destina a reforzar os servizos sociais dos concellos da provincia, como o Plan de Servizos Sociais Comunitarios, cun investimento que este ano alcanza os 9 millóns de euros e que permite financiar 378.000 horas do servizo de axuda no fogar e contratar a 177 profesionais especialistas no ámbito social nos concellos. Estes apoios da Deputación permiten consolidar unha rede de servizos sociais municipais máis forte, máis coordinada e con maior capacidade de resposta ante as necesidades da cidadanía.