Estás en:Novas

A Deputación súmase á homenaxe de Camariñas ás súas palilleiras con motivo da 35.ª Mostra do Encaixe

Mónica Rodríguez asistiu ao pleno no que o Concello lle deu a unha avenida o nome das artesás, un recoñecemento "a todas as mulleres que manteñen viva unha tradición secular, ás que no pasado trasladaron ás súas fillas o seu saber e ás que contribuirán no futuro a que perdure"

A deputada provincial reafirmou o compromiso da institución cunha feira que "reúne valores que debemos coidar e impulsar, como a conservación da nosa cultura, tender pontes entre xeracións e a proxección nacional e internacional que lle dá a Camariñas e a toda a Costa da Morte"

A Deputación súmase á homenaxe de Camariñas ás súas palilleiras con motivo da 35.ª Mostra do Encaixe

A Deputación da Coruña sumouse hoxe á homenaxe que Camariñas rendeu ás súas palilleiras coincidindo co inicio, esta tarde, da 35.ª edición da Mostra do Encaixe. A deputada Mónica Rodríguez asistiu en representación da institución provincial ao pleno extraordinario no que o Concello aprobou a denominación de avenida das Palilleiras para unha das vías públicas da vila, e participou despois na cerimonia de inauguración da Mostra.

Mónica Rodríguez salientou na súa intervención o papel "das grandes protagonistas que fan posible todo isto coas súas mans e coa súa destreza". Por iso, cualificou de "xusto e merecido" o recoñecemento que a corporación municipal lles concedeu "a todas as mulleres que hoxe manteñen viva unha tradición secular, a todas as mulleres que no pasado trasladaron ás súas fillas todo o seu saber e a todas as que, non teño ningunha dúbida, contribuirán no futuro a que perdure".

A deputada provincial reafirmou tamén o compromiso da Deputación cun evento que, desde hai seis anos, une á súa denominación o nome da propia administración provincial, un feito que confirma a súa importancia para a provincia e a Costa da Morte non só como un valor cultural e patrimonial, senón tamén polo seu impacto económico. "Reúne valores que debemos coidar e impulsar, como a conservación da tradición, tender pontes entre xeracións e a proxección nacional e internacional que lle dá a Camariñas e a toda esta terra", asegurou.

Así, defendeu que a Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña é un dos eventos máis representativos da Semana Santa a nivel galego e constitúe un foco de atracción para visitantes e profesionais ano tras ano durante estas datas festivas.

Ademais de Rodríguez, participaron na inauguración a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, Gabriel Alén.

Intensa actividade ata o domingo

A Mostra desenvolverase no pavillón Víctor Hugo ata o domingo. Nela participarán, dentro do programa Grandes Deseñadores, creadores e firmas como Ana Cabranes, Claudina Mata, Devota&Lomba, Innamoretto, José Perea, Andion Clothing, Dolores Cortés, El Pulpo, José Matteos, Ôse Couture, Xoaquín Ruíz e Ondas do Mar.

Mañá comezará o desfile de ArtEncaixe, con artesáns chegados de diferentes puntos de Galicia, e tamén debutarán os participantes no 32.º Concurso de Noveis Deseñadores. Haberá, ademais, costura en directo, o Pequeencaixe (no que os protagonistas son nenos e nenas das escolas municipais) e o desfile de delegacións de encaixeiras procedentes de países como Arxentina, Bulgaria, Eslovaquia, Italia, Polonia, Portugal e tamén de España.

A iso únese unha completa programación de espectáculos que inclúe actuacións de Luar na Lubre, Antía Muíño, Sebastián Allones Dans, Marta Doviro, Carmen Méndez, Ledicia Sola e agrupacións folclóricas e corais. Todo elo, acompañado por degustacións gastronómicas e outras actividades.