Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia ao BAXI Ferrol tras o histórico subcampionato europeo

A institución provincial asina un convenio de 30.000 euros co Club Universitario de Ferrol para apoiar a súa participación na EuroCup Women

A Deputación da Coruña apoia ao BAXI Ferrol tras o histórico subcampionato europeo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente do Club Universitario de Ferrol, Santiago Rey, formalizaron hoxe un convenio de colaboración polo que a institución provincial apoia a participación do equipo feminino BAXI Ferrol na competición internacional EuroCup Women 2025, na que o conxunto ferrolán acadou un histórico subcampionato europeo. No acto participou tamén o deputado de Deportes, Antonio Leira.

O acordo establece unha achega de 30.000 euros por parte da institución provincial, destinada a cofinanciar os gastos derivados da participación nas eliminatorias europeas durante o ano 2025, que incluíron desprazamentos, aloxamentos, arbitraxes e organización dos partidos.

O presidente da Deputación destacou que "o BAXI Ferrol é un exemplo do que significa o deporte: esforzo, talento e compromiso, pero tamén un referente para o deporte feminino e para toda a provincia". Engadiu que "o que conseguiu este equipo en Europa é unha oportunidade para proxectar o nome de Ferrol e da provincia da Coruña ao máis alto nivel internacional".

Pola súa banda, desde o club agradeceron o apoio da Deputación, subliñando que este respaldo institucional resulta clave para afrontar competicións internacionais de máxima esixencia e seguir medrando como proxecto deportivo.

Un fito histórico para o deporte galego

O BAXI Ferrol fixo historia a pasada tempada ao converterse no primeiro equipo galego feminino en disputar unha final europea, un logro que só se produciu en dúas ocasións no conxunto do baloncesto español. O equipo acadou a final tras superar sucesivas eliminatorias ante equipos de Hungría, Italia e Francia, nun percorrido brillante que culminou cunha final disputada a dobre partido.

Este éxito chega nun contexto de consolidación do club na elite do baloncesto estatal, con participacións recentes na Copa da Raíña e nas semifinais da Liga Feminina Endesa, ademais da súa presenza habitual nos playoffs polo título.

Impacto social e proxección internacional

Máis alá do deportivo, o BAXI Ferrol representa un proxecto con forte impacto social. O club conta con máis de 2.300 socios e unha media de asistencia superior aos 2.000 espectadores na Malata, chegando a superar os 3.500 en partidos europeos. Ademais, desenvolve unha importante canteira con máis de 20 equipos de base e iniciativas de inclusión e promoción da igualdade a través do deporte.

Os encontros da EuroCup Women contaron ademais cunha ampla difusión, con retransmisións en televisión e plataformas internacionais, contribuíndo á proxección de Ferrol e da provincia en toda Europa.