Estás en:Novas

A Deputación subliña o papel dos Premios María Casares como referente das artes escénicas galegas na súa trixésima edición

Nestes premios renderase homenaxe ao actor e dramaturgo Manuel Lourenzo, falecido o pasado verán, a quen Avia Veira reivindicou como «un home imprescindíbel do teatro galego»

A deputada provincial tamén cualificou como «acto de xustiza e de memoria» que estes galardóns leven o nome da actriz coruñesa, exiliada en París sendo aínda adolescente

A Deputación subliña o papel dos Premios María Casares como referente das artes escénicas galegas na súa trixésima edición

O Teatro Rosalía de Castro acolleu esta mañá a presentación da XXX edición dos Premios de Teatro María Casares, a gran cita anual das artes escénicas galegas, que se celebrará o vindeiro mércores 8 de abril, ás 20:30 horas, na cidade herculina. A Deputación da Coruña estivo representada neste acto pola deputada Avia Veira, quen estivo acompañada por representantes da Xunta de Galicia, do Concello da Coruña e da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos galardóns.

Na súa intervención, Avia Veira destacou que para a Deputación «é un orgullo estar presentes nesta rolda de prensa que anuncia unha edición redonda, chea de significado», ao tempo que subliñou que os Premios María Casares se converteron «no referente máis importante do recoñecemento das artes escénicas en Galiza».

A deputada provincial puxo en valor a figura que dá nome aos galardóns, lembrando que María Casares, nada na Coruña en 1922, foi unha das grandes actrices do teatro e do cinema europeos do século XX. Exiliada en Francia sendo adolescente, desenvolveu unha «carreira extraordinaria» nos escenarios de París. Por todo isto, considerou «un acto de xustiza e de memoria» que os premios do teatro galego leven o seu nome.

Do mesmo xeito, Veira salientou que esta edición constitúe tamén unha homenaxe a Manuel Lourenzo, falecido o pasado verán e fío condutor da gala. A deputada lembrou que foi «un home imprescindíbel do teatro galego», que escolleu A Coruña para vivir e desde a cidade «dirixiu maxistralmente a operación para iniciar o teatro independente galego», ademais de traballar de maneira incansábel por un teatro en galego forte e profesional.

Dezasete finalistas

A XXX edición dos premios conta con 17 espectáculos finalistas que competirán en 16 categorías. Entre as montaxes con máis candidaturas destacan Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con once; A serie clopen, do Centro Dramático Galego, con dez; e TROMSØ, de Morraoconto, con sete.

Trátase, segundo sinalou Veira, de exemplos «do talento e da diversidade que caracterizan o teatro galego de hoxe». A deputada tamén fixo referencia á alta participación desta convocatoria, con 45 espectáculos inscritos, preto de 400 profesionais candidatas e máis de 450 persoas implicadas no proceso de votación, unhas cifras que «falan por si soas da vitalidade e da seriedade deste certame».