Estás en:Novas

O Pazo de Mariñán acolle a constitución do Laboratorio de Ideas da AESIA, un paso máis para situar a España como referente mundial da IA ética

Valentín González Formoso destaca que "a intelixencia artificial debe estar en mans de institucións democráticas que garantan control, equilibrio e seguridade para a sociedade"

"Temos vocación de ser vangarda na regulación da intelixencia artificial e de non permitir que xere un retroceso civilizatorio", afirma o ministro de Transformación Dixital, Óscar López

O catedrático Senén Barro preside o Consello Asesor deste novo órgano

O Pazo de Mariñán acolle a constitución do Laboratorio de Ideas da AESIA, un paso máis para situar a España como referente mundial da IA ética

O Pazo de Mariñán, propiedade da Deputación da Coruña, acolleu hoxe a constitución do Laboratorio de Ideas da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), nun acto que sitúa á provincia no centro do debate internacional sobre o desenvolvemento ético e responsable da intelixencia artificial.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, puxo en valor o papel das institucións públicas na regulación dunha tecnoloxía que, segundo sinalou, "está condicionando xa a vida cotiá da cidadanía". "Como pai, comparto a preocupación polo impacto que a intelixencia artificial e os contornos dixitais teñen nas novas xeracións, polo que resulta tranquilizador comprobar que existen gobernos comprometidos cun desenvolvemento responsable desta tecnoloxía", afirmou.

Formoso salientou que Europa e España están a liderar un modelo baseado na regulación e na protección dos dereitos das persoas fronte a outros enfoques menos garantistas. Neste sentido, defendeu que unha ferramenta tan poderosa como a intelixencia artificial non pode depender exclusivamente dos intereses de Elon Musk, Mark Zuckerberg ou Jeff Bezos, senón que "debe estar baixo o paraugas de institucións democráticas que garantan control, equilibrio e seguridade para a sociedade".

O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, destacou que a posta en marcha do Laboratorio de Ideas supón "un día importante para os dereitos dixitais en España" e un avance decisivo para consolidar un modelo de intelixencia artificial confiable, centrado nas persoas e baseado en valores democráticos.

"Temos vocación de ser vangarda na regulación da intelixencia artificial e de non permitir que xere un retroceso civilizatorio", afirmou López, durante a súa intervención, na que defendeu que España aspira a liderar a nivel internacional o desenvolvemento dunha IA "útil, ética, responsable e redistributiva".

Óscar López explicou que o Laboratorio de Ideas contará cun Comité Asesor presidido por Senén Barro e integrado por arredor de trinta expertos e expertas procedentes do ámbito académico, institucional, empresarial e sindical, que terán como misión analizar e propoñer solucións sobre o impacto da intelixencia artificial na sociedade.

Entre as primeiras liñas de traballo figuran cuestións de alto impacto social como a protección da dignidade das mulleres fronte á manipulación de imaxes e a violencia dixital, a loita contra a desinformación e os contidos xerados mediante deepfakes, a creación de contornos dixitais seguros para a infancia e a adaptación do mercado laboral aos cambios derivados da intelixencia artificial.

O ministro anunciou tamén que o Panel Científico de Intelixencia Artificial das Nacións Unidas se reunirá por primeira vez en España entre o 22 e o 24 de abril. Este organismo, integrado por corenta persoas expertas independentes, actuará como ponte entre o coñecemento científico e a toma de decisións públicas, permitindo anticipar riscos e avanzar cara a unha gobernanza global da intelixencia artificial baseada na evidencia.

Pola súa banda, Senén Barro advertiu de que "a intelixencia artificial é, con seguridade, a tecnoloxía chamada a ser máis transformadora", e que só hai "unha oportunidade de facelo ben". "Se nos equivocamos, non sei se será completamente irreversible, pero pagaremos un prezo que ninguén estaría disposto a pagar", alertou.

Ao seu xuízo, o Goberno "enténdeo e non quere pagar ese prezo", de aí a súa "complicidade absoluta con esa aposta do Goberno". "É importante ter independencia, soberanía tecnolóxica, pero entender que non vale de nada se non está asentada en principios éticos, regulatorios e sociais previos, de xeración de riqueza pero cunha mellor distribución desa riqueza", expuxo.