Os poliños que naceron hoxe na Escola Infantil A Rolada de San Sadurniño para lles ensinar as e os máis pequenos o valor do noso rural
A Deputación impulsa no centro infantil unha experiencia educativa para divulgar a Galiña de Mos
A escola infantil municipal A Rolada de San Sadurniño converteuse esta mañá nunha aula viva do rural galego coa saída dos poliños acabados de nacer da incubadora, unha escena que os pequenos e pequenas puideron seguir en directo dentro do programa "A Galiña de Mos e os seus poliños", impulsado pola Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (AVIMÓS) coa colaboración da Deputación da Coruña.
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, participou nesta xornada, que coincidiu cun dos momentos máis especiais da actividade e o máis agardado polo alumnado: o nacemento dos pitiños tras o proceso de incubación. A iniciativa permitelles ás nenas e nenos observar de primeira man este proceso natural e coñecer, a través dunha charla didáctica adaptada a súa idade, as características da Galiña de Mos, a súa crianza e a súa importancia no medio rural galego.
A actividade transforma a aula nun espazo de aprendizaxe práctica, no que o alumnado se achega á realidade do campo, á avicultura tradicional e á necesidade de conservar as razas autóctonas como parte do noso patrimonio.
O programa desenvolverase ao longo do ano en distintos centros educativos da provincia, con accións de formación e divulgación orientadas á conservación e promoción da Galiña de Mos, unha raza en perigo de extinción cun destacado valor patrimonial, económico e cultural en Galicia.
