Estás en:Novas

A Deputación da Coruña dota de novos vehículos seis entidades sociais para reforzar a atención a colectivos vulnerables

AGADESP, Ecos do Sur, Asociación Fonte da Virxe, Nuestra Señora de Chamorro, UDP e Misela son as entidades beneficiarias dun programa que inviste preto de 265.000 euros

A Deputación da Coruña dota de novos vehículos seis entidades sociais para reforzar a atención a colectivos vulnerables

A Deputación da Coruña aprobou a concesión definitiva das axudas do programa FOIEV 2026, cun investimento total de 264.796,57 euros destinado á adquisición de vehículos por parte de entidades sen ánimo de lucro da provincia.

Estas subvencións permitirán incorporar novos vehículos adaptados aos servizos sociais e sociosanitarios, o que facilitará o desprazamento das persoas usuarias e contribuirá a mellorar a atención a colectivos vulnerables en todo o territorio.

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, destacou que "este programa supón un apoio fundamental para o traballo que desenvolven as entidades sociais, dotándoas de medios que lles permiten chegar a máis persoas e facelo en mellores condicións".

As axudas benefician a seis entidades da provincia: Asociación Asistencial Galega de Servicios a Dependencia (AGASDEP), Asociación Ecos do Sur, Asociación Fonte da Virxe de familiares e amigos dos enfermos mentais, Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados (UDP) da Coruña e a asociación Misela, da comarca de Noia-Muros.

Os proxectos financiados inclúen a adquisición de vehículos adaptados para o transporte de persoas con mobilidade reducida, furgonetas e vehículos de nove prazas, destinados principalmente a facilitar o acceso a centros de día, programas de respiro familiar, servizos de atención á discapacidade e iniciativas de inserción sociolaboral.

Mar García Vidal subliñou tamén que "estes investimentos contribúen a garantir a igualdade de acceso aos servizos sociais, especialmente no rural, onde a mobilidade é clave para evitar situacións de illamento".