Natividade González reivindica o apoio da Deputación ás propostas culturais da USC na inauguración da exposición 'Organscape'
A deputada de Cultura participou esta mañá na inauguración da exposición 'Organscape'
A exposición artéllase arredor de dous elementos principais que conviven e dialogan entre si: autómatas que imitan voces de aves e pezas para órgano creadas a partir de gravacións de campo
A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou esta mañá na inauguración da exposición 'Organscape. Estudos de ornitoloxía mecánica e variacións miméticas', do artista, compositor e investigador Xoán-Xil López, que poderá visitarse ata o vindeiro 7 de maio na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.
Durante o acto inaugural, no que tamén participaron a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana, e o propio autor da mostra, Natividade González amosou a súa «satisfacción» por poder apoiar o traballo cultural que se realiza desde a Universidade de Santiago. Pola súa banda, Ana Cabana agradeceu o constante apoio da Deputación da Coruña á acción cultural da USC.
A exposición artéllase arredor de dous elementos principais que conviven e dialogan entre si: por unha banda, a instalación autónoma 'Organismo', unha serie de autómatas que emulan sons asociados ao mundo natural, e, pola outra, 'Variacións miméticas', unha serie de pezas para órgano creadas a partir de gravacións de campo rexistradas en diversas localizacións e adaptadas ás características do órgano histórico construído por Manuel Sanz entre 1800 e 1802 que se conserva no coro da Igrexa da Universidade.
O proxecto nace da idea da mímese musical da paisaxe sonora e afonda na relación entre arte, natureza e tecnoloxía a través da evocación acústica de sons naturais, especialmente aqueles vinculados ao canto das aves. Segundo explica o propio creador, a proposta non busca tanto unha reprodución exacta deses sons como «o esbozo de certas características acústicas do material evocado», xerando unha tensión «entre a utopía e a distopía» a partir dos vínculos entre creación artística e tecnoloxía.
Recoñecido internacionalmente polo seu traballo no ámbito da experimentación sonora, Xoán-Xil López desenvolve unha práctica artística centrada na fonografía, a paisaxe sonora e a escoita inmersiva. A obra 'Organscape', xermolo desta exposición, foi distinguida cunha Mención Honorífica nos Prix Ars Electronica 2021, na categoría de Digital Musics & Sound Art.
Desde a súa creación, o proxecto foi exhibido en espazos e festivais internacionais de referencia como Ars Electronica en Austria, a New Media Gallery de Vancouver, a Schlossmediale de Suíza ou Le Bon Accueil en Francia, ademais de en citas estatais como o festival Resis da Coruña, regresando agora ao espazo onde foi presentado por primeira vez en 2020.
A mostra complétase con outras pezas vinculadas ao universo creativo de Organscape, entre elas as instalacións 'Ornitomancias' e 'Paisaxe esporádica', así como coa composición 'Tropo', ademais de bosquexos, obxectos do proceso creativo e unha selección bibliográfica dos fondos da Biblioteca da USC relacionada coa temática da exposición.
