Regueira destaca a importancia de impulsar espazos que recoñezan o papel das mulleres no ámbito económico e empresarial
O vicepresidente da Deputación participou este venres na inauguración do evento 'Raíces e Traxectorias'
Xosé Regueira subliñou que Galiza conta cun forte tecido de emprendemento feminino e con referentes consolidados
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou esta mañá na apertura institucional do evento 'Raíces e Traxectorias', celebrado en Afundación (A Coruña), unha iniciativa orientada a poñer en valor o talento feminino e visibilizar referentes do ámbito empresarial. No acto tamén interviñeron a alcaldesa, Inés Rey, e o secretario xeral de Emprego da Xunta, Pablo Fernández.
Durante a súa intervención, Regueira destacou a importancia de impulsar espazos que recoñezan o desempeño feminino no ámbito económico e empresarial. «Moitas veces reivindicamos o papel das mulleres en ámbitos tan recoñecíbeis como a educación ou a cultura, pero eu creo que é necesario poñer o foco nas mulleres empresarias».
Neste sentido, o tamén deputado de Promoción Económica xulgou que o espírito deste tipo de foros están «perfectamente aliñados coas nosas políticas».
O vicepresidente puxo o acento na relevancia do contexto territorial, subliñando que «nun territorio coma o da provincia da Coruña, onde o papel das mulleres moitas veces está oculto, coma esas raíces que lle dan nome a este evento, pois é moi importante» dar visibilidade a ese traballo.
Neste sentido, incidiu en que Galiza conta cun forte tecido de emprendemento feminino e con referentes consolidados. «Temos grandes empresarias que traballan moitísimo no noso territorio, pero tamén somos un territorio que se identifica claramente co talento feminino e co emprendemento feminino».
Finalmente, Regueira apelou á necesidade de seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta, para o que cómpre facilitar «que ese empoderamento sexa posíbel con políticas activas e sobre todo apoiemos ao gran talento que hai nas mulleres».
