Estás en:Novas

A Deputación da Coruña participa nas VII Xornadas de Párkinson, centradas na innovación e na mellora da calidade de vida das persoas afectadas

Yoya Neira destacou o papel da investigación, a tecnoloxía e o movemento asociativo na atención ás persoas afectadas pola enfermidade

A Deputación da Coruña participa nas VII Xornadas de Párkinson, centradas na innovación e na mellora da calidade de vida das persoas afectadas

A deputada de Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Yoya Neira, participou hoxe nas VII Xornadas de Párkinson, organizadas pola Asociación Párkinson Galicia-Coruña, un encontro que reúne a profesionais do ámbito sanitario, investigador e tecnolóxico para analizar os avances máis recentes no coñecemento e tratamento desta enfermidade.

A cita, que coincide co 30 aniversario da entidade, desenvolveuse baixo o lema "Innovación con impacto. Ciencia, tecnoloxía e terapias ao servizo das persoas", cun programa centrado na aplicación práctica dos avances científicos e na mellora da atención ás persoas afectadas.

Durante a súa intervención na apertura institucional, Yoya Neira puxo en valor "o traballo do movemento asociativo e a súa capacidade para acompañar ás persoas e ás súas familias ao longo de todo o proceso da enfermidade". A deputada subliñou tamén a importancia de seguir impulsando espazos de encontro como estas xornadas, "que permiten compartir coñecemento e avanzar cara a respostas máis eficaces e humanas".

O programa incluíu relatorios científicos sobre novas liñas de investigación, como os posibles tratamentos neuroprotectores ou o desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras aplicadas ao párkinson, así como mesas redondas nas que especialistas de distintos ámbitos abordaron os retos actuais no tratamento e na atención integral ás persoas afectadas.

Ao longo da xornada tamén se analizaron os avances rexistrados nas últimas décadas, cunha ollada tanto clínica como social, incidindo na evolución dos tratamentos e na crecente incorporación de ferramentas tecnolóxicas que contribúen a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con párkinson.

A Deputación da Coruña mantén unha colaboración activa co tecido social da provincia, apoiando iniciativas que, como estas xornadas, contribúen a visibilizar a enfermidade, fomentar a investigación e reforzar a atención ás persoas e ás súas familias. O encontro concluíu coa entrega do IV Premio Aloumiño.