Estás en:Novas

A Deputación da Coruña entrega un novo vehículo á Fundación ADCOR

A Deputación da Coruña entrega un novo vehículo á Fundación ADCOR

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, visitou hoxe as instalacións da Fundación ADCOR na Coruña, onde fixo entrega dun novo vehículo destinado a mellorar o servizo de transporte para persoas con discapacidade intelectual e en situación de dependencia.

Durante a visita, a deputada puido coñecer de primeira man o labor que desenvolve a entidade, que atende a persoas usuarias no seu centro ocupacional e no centro de día, promovendo a súa autonomía persoal, formación e inclusión social.

O novo vehículo permitirá mellorar de maneira significativa o acceso das persoas usuarias aos servizos da Fundación, especialmente aquelas con mobilidade reducida ou dificultades para desprazarse de forma autónoma. Este servizo resulta fundamental para garantir a asistencia diaria a actividades formativas, terapéuticas e de lecer.

Segundo explicaron as reponsables da entidade, na actualidade a Fundación ADCOR atende a máis de 90 persoas entre o centro ocupacional e o centro de día, moitas delas con necesidades específicas de transporte adaptado . A incorporación deste novo recurso responde ao incremento da demanda e á necesidade de reforzar os medios dispoñibles, xa que os vehículos existentes eran insuficientes para cubrir todas as necesidades.

A deputada destacou o compromiso da Deputación co tecido social da provincia, subliñando que "este tipo de investimentos permiten mellorar a calidade de vida das persoas e garantir a igualdade de oportunidades, especialmente no acceso a servizos esenciais".

Pola súa banda, desde a Fundación ADCOR agradeceron o apoio da Deputación, sinalando que este vehículo facilitará non só os desprazamentos diarios, senón tamén a participación en actividades de integración social, lecer e tempo libre.

A actuación enmárcase nas liñas de subvencións da área de Política Social da Deputación da Coruña dirixidas a entidades sociais, co obxectivo de fortalecer os recursos e servizos de atención ás persoas máis vulnerables.