A Deputación culmina a rehabilitación integral da Reitoral de Ares cun investimento de 146.774 euros
Valentín González Formoso e o alcalde, Julio Iglesias, visitaron esta mañá as obras, que están xa a piques de rematar
O presidente provincial e o rexedor asinaron tamén un convenio polo que a institución provincial achegará 150.000 euros para a construción dun edificio con ximansio que dará servizo a Caamouco e ao Club de Tenis de Redes
Os investimentos da Deputación en Ares suman máis de 15,6 millóns na última década
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, visitaron esta mañá as obras de reforma interior da antiga Reitoral de Ares, que se atopan nun estado de execución moiu avanzado e estarán completamente rematadas en cuestión de semanas. Co obxectivo de recuperar este inmoble do século XVII, a entidade provincial está a financiar integramente os traballos de acondicionamento interior cun investimento de 146.774,45 euros.
A intervención inclúe a redistribución de espazos, a construción de aseos e escaleiras, a mellora do illamento e a renovación completa das instalacións de electricidade, telecomunicacións, fontanería e calefacción mediante bomba de calor. Ademais, tamén se amplía a superficie útil do edificio, ao incorporar unha media planta no primeiro andar e pasar dos 171,13 metros cadrados ao inicio aos 277,09 m2 actuais.
Formoso destacou que "recuperar un edificio con gran valor patrimonial é darlle unha segunda vida é evitar que se perda, pero sobre todo é poñelo ao servizo da veciñanza cun uso útil e aberto", xa que o inmoble terá un novo uso funcionará como centro social e cultural.
O inmoble, catalogado como ben patrimonial, atopábase en desuso tras deixar de funcionar como vivenda parroquial e sufrira un progresivo deterioro debido ao paso do tempo. A actuación actual culmina o proceso de rehabilitación iniciado en fases anteriores. Segundo explicou o alcalde o inmoble destinarase a centro sociocomunitario. "Temos unhas salas nas alianzas aresanas con salóns de actos, pero nalgúns casos quédanse pequenos para determinadas actividades. Con este novo centro teremos espazo para salas de exposición e actos con máis aforo, incluso con espazo para aparcar", explicou o rexedor.
Novas instalacións no Club de Tenis de Redes
No marco da súa visita institucional, o presidente provincial e o rexedor tamén asinaron o convenio para a construción dun novo edificio con sala de usos múltiples, ximnasio e vestiarios en Caamouco, na contorna do Club de Tenis de Redes. A achega da Deputación será de ata 150.000 euros, o 58 % do investimento total, que ascende a case 258.000 euros.
As novas instalacións contarán cunha superficie de 346 metros cadrados nunha soa planta. O espazo de usos múltiples terá 41 metros cadrados e o ximnasio 122, mentres que os vestiarios, masculino e feminino, sumarán preto de 100. Ademais, habilitaranse áreas para almacén, servizos de limpeza, vestíbulos e instalacións. O prazo de execución previsto é de seis meses desde o inicio das obras.
Deste xeito, executaranse unhas instalacións básicas para reforzar a actividade deportiva e social da contorna, e que se poñerán á disposición de toda a veciñanza que desexe empregar este novo equipamento público, complementando ao mesmo tempo os servizos do Club de Tenis.
Tras a sinatura, Formoso incidiu en que se trata dun espazo "pensado para a xente, para que a veciñanza teña onde reunirse, facer deporte e compartir tempo en común nunha parroquia que necesitaba unha infraestrutura coma este". O presidente engadiu que "cada investimento nos concellos ten que ter ese sentido: resolver necesidades reais e mellorar a vida cotiá, e iso é o que se busca con este proxecto en Caamouco".
Pola súa banda, o rexedor agradeceu a colaboración da Deputación e sinalou que "é unha obra moi agardada, contará cunha sala para ximnasio e actualizará as instalacións, permitindo non só xogar ao tenis senón outros complementos deportivos".
Apoio ao deporte local con novos vehículos
Durante a xornada, o presidente provincial, acompañado polo deputado de Deportes, Antonio Leira, fixo entrega de dúas furgonetas ao Club de Remo de Ares e ao Club Náutico Ría de Ares, valoradas en 25.000 euros cada unha destinadas ao transporte de deportistas.
Formoso subliñou que "detrás de clubs como estes hai moito esforzo diario, e contar con medios para desprazarse en condicións dignas tamén forma parte de apoiar o deporte base e o traballo que fan cos máis novos".
Máis de 15 millóns investidos en Ares nunha década
O presidente explicou que "a Deputación implícase con Ares en todos os eidos. Tanto na recuperación dun patrimonio tan importante como a reitoral, como na promoción do deporte, apoiando aos clubs locais, mellorando estradas provinciais ou participando nun proxecto fundamental como a mellora do abastecemento de auga do municipio".
Formoso explicou que os investimentos da Deputación en Ares suman máis de 15,6 millóns de euros na última década e que contribuén a mellorar as infarestruturas e servizos públicos do concello.
Ao respecto, Formoso salientou que este é un exemplo da "colaboración continua en todos os eidos que a Deputación ten co municipio" e puxo en valor que "a nosa ambición é a deles, xa que sempre hai novos retos pendentes. Dende logo, a Deputación está aí para intentar que eses retos se poidan cumprir".
