Presentación literaria "Os libros durmidos" de María Canosa e Laura Suárez
A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña está a desenvolver este mes unha serie de actividades, para celebrar o libro e a lectura. Entre elas, a presentación da obra Os libros durmidos, sobre a Biblioteca Provincial e os seus fondos, creada por María Canosa e Laura Suárez.
A obra: Os libros durmidos
Esta obra, xestada dentro dos proxectos que a Biblioteca concebiu para celebrar o seu 180 aniversario, relata unha aventura de descuberta e paixón pola palabra escrita á que non lle faltan algunhas das personaxes máis ilustres que tiveron que ver coa institución ao longo dos seus case dous seculos de historia.
As autoras
- María Canosa (Cee, 1978), enxeñeira de formación, pero vencellada desde cedo á literatura, especialmente a dirixida ao público máis novo, é a autora do texto.
- Laura Suárez (Dumbría, 1994), ilustradora e tamén autora, encárgase nesta ocasión de dar forma á historia a través do seu traballo gráfico.
A presentación
O acto, no que van participar ambas as creadoras, terá lugar o vindeiro 23 de abril ás 18:30h, no segundo andar da Biblioteca Provincial, na rúa Rego de Auga núm. 37 da Coruña.
A entrada é libre ata completar a capacidade.
Outras actividades
Alén deste acto, ese mesmo día terá lugar unha visita guiada polos nosos fondos máis especiais, aberta ao público previa reserva de praza no 981 415 176 ou a través do correo biblioteca.info@dacoruna.gal.
Amais de celebrarmos esta data tan especial na nosa sede, tamén se están a desenvolver diferentes actividades de animación á lectura e de formación por toda a provincial, que se poden consultar no web da Biblioteca: https://dacoruna.gal/novas/ficha-noticia-reducida?id_evento=27422&
Para máis información...
Ficamos ao voso dispor no enderezo biblioteca.info@dacoruna.gal.
