Estás en:Novas

A Deputación destaca o impacto internacional da Karate 1- Series A que se celebra na Coruña do 24 ao 26 de abril

A competición, que conta co apoio da Deputación, reúne na cidade herculina a milleiros de deportistas de todo o mundo

A Deputación destaca o impacto internacional da Karate 1- Series A que se celebra na Coruña do 24 ao 26 de abril

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou esta mañá en María Pita na presentación da Karate 1-Series A, unha das principais competicións internacionais deste deporte, que se celebra na cidade da Coruña entre os días 24 e 26 de abril, reunindo a milleiros de deportistas procedentes de todo o mundo.

A competición, organizada pola World Karate Federation no Palacio dos Deportes de Riazor, converte durante estes días á cidade nun punto de encontro da elite internacional do kárate, cun amplo programa de probas ao longo de tres xornadas.

Durante o evento, Antonio Leira destacou a importancia de acoller citas deportivas deste nivel, que "reforzan o posicionamento internacional da Coruña como sede de grandes competicións e proxectan a imaxe da provincia no exterior".

O deputado subliñou tamén o impacto positivo que eventos deste tipo teñen no territorio, tanto desde o punto de vista deportivo como económico e turístico, ao atraer a milleiros de participantes e acompañantes.

Leira incidiu en que a Deputación da Coruña mantén unha aposta firme polo deporte como ferramenta de cohesión social, promoción de hábitos de vida saudables e dinamización do territorio, apoiando tanto o deporte base como a celebración de grandes eventos internacionais.

A Karate 1-Series A forma parte do calendario oficial da federación internacional e está considerada unha das competicións máis relevantes do circuíto mundial, reunindo a deportistas de alto nivel nunha cita que sitúa á Coruña no mapa do deporte internacional.