Estás en:Novas

A Deputación da Coruña colabora esta fin de semana con tres eventos gastronómicos e do sector primario na provincia

A II edición de Merca Queixo de Pontedeume, a XXXV Festa do Champiñón de Ordes e a XXIX Feira da Plantación de San Sadurniño contarán con 'showcookings' ao abeiro da campaña provincial 'A paisaxe que sabe'

A Deputación da Coruña colabora esta fin de semana con tres eventos gastronómicos e do sector primario na provincia

A Deputación da Coruña colabora esta fin de semana en tres eventos que se celebran na provincia e que poñen en valor a produción local, a gastronomía e o sector primario. A institución provincial, ao abeiro da campaña 'A paisaxe que sabe', encargarase dos showcookings destas citas, que terán lugar o sábado 25 e o domingo 26 de abril en Pontedeume e Ordes, mentres que en San Sadurniño a actividade desenvolverase só o domingo 26.

En Pontedeume celebrarase a segunda edición de Merca Queixo, que terá lugar na Alameda de Raxoi. No marco desta cita, a Deputación colabora coa organización dunha demostración culinaria a cargo de Nair González, do restaurante Muelle 43 (Mugardos).

A cociñeira elaborará distintas propostas gastronómicas arredor do queixo: guiso de polbo con queixo de Arzúa, tosta de vieira con crema de queixo e cítricos, filloas de pescada con Galmesan e doce de requeixo con noces e mel. As demostracións terán lugar o sábado ás 11:30, 13:30 e 18:00 horas, e o domingo ás 11:30, 14:00 e 17:30 horas.

No concello de Ordes desenvolverase a XXXV Festa do Champiñón, unha cita veterana cita que combinará gastronomía con outros atractivos. Neste caso, a Deputación encárgase tamén da programación de showcookings, a cargo de Casa Taboada (Touro). O sábado prepararase un risotto cremoso de champiñóns e o domingo será unha tosta con crema de champiñóns, brotes verdes e toque de touciño crocante.

Pola súa banda, San Sadurniño acollerá o domingo a XXIX Feira da Plantación, o escaparate da produción floral e de planta ornamental da comarca que tamén reunirá artesanía e outros artigos relacionados con este mundo.

Neste evento, a Deputación colabora cunha demostración culinaria do chef André Arzúa, de Espazo Abella (Santiago de Compostela), que presentará un lingote meloso de tenreira galega con mahonesa de chipotle e risotto de shiitake, así como unha torta de queixo de Arzúa con crumble de mazá e marmelada de arandos. Os pases desenvolveranse ás 11:30, 13:00 e 18:00 horas.