A Deputación da Coruña instala contadores intelixentes de vehículos para o control de accesos ao Parque Natural Fragas do Eume
A Deputación da Coruña completa a instalación dun sistema de control e cálculo de vehículos en tempo real nos accesos ao Parque Natural Fragas do Eume, na Capela, Pontedeume e Monfero, para garantir un turismo sostible e protexer a biodiversidade do parque.
Esta actuación forma parte do Plan de sostibilidade turística en destino "Fragas do Eume", promovido pola Deputación da Coruña e financiado con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) da Unión Europea–NextGenerationEU.
O proxecto culminou coa instalación de sensores de última xeración e coa posta en marcha dun software de xestión avanzada en puntos estratéxicos dos municipios da Capela, Pontedeume e Monfero. Estes dispositivos permitirán ás persoas responsables da xestión do parque obter datos exactos, en tempo real, sobre o número de vehículos que acceden ao recinto.
A instalación nos tres concellos clave —A Capela, Pontedeume e Monfero— asegura unha cobertura integral do perímetro do parque. Os datos recollidos polo novo sistema e polo servizo de software permitirán previr a masificación en períodos de alta afluencia, optimizar os servizos públicos e de emerxencias na zona e establecer liñas estratéxicas para un turismo sostible que dinamice a economía local sen degradar a contorna.
