Estás en:Novas

A Deputación da Coruña garante prezos públicos accesibles na Casa de Acompañamento para Persoas Maiores das Pontes, cun modelo progresivo adaptado aos ingresos

Valentín González Formoso destacou a política de prezos públicos será xusta, equilibrada e accesible para todas as familias: "Non se trata só de ofrecer un bo servizo, senón de asegurar que estea ao alcance de todas as persoas"

Aplicarase un modelo similar ao aplicado pola Deputación de Lugo, no que canto menores sexan os ingresos, menor será o custo da praza residencial

A Deputación da Coruña garante prezos públicos accesibles na Casa de Acompañamento para Persoas Maiores das Pontes, cun modelo progresivo adaptado aos ingresos

A Deputación da Coruña levará ao pleno provincial a proposta para definir o modelo de funcionamento da futura Casa de Acompañamento a Persoas Maiores (CAM) Pardo Bazán das Pontes, a primeira CAM dunha rede que tamén disporá de centros en Ordes e Rianxo e que combina innovación no sistema de coidados cun compromiso claro: garantir prezos públicos accesibles, adaptados á realidade económica das persoas usuarias.

Un dos piares fundamentais do modelo será a política de prezos, que seguirá criterios propios dos servizos públicos. A Deputación aposta por situar as tarifas das CAM na contorna da media dos centros públicos, afastándose dos prezos do mercado privado -que con frecuencia superan os 3.000 euros ao mes- e incorporando sistemas progresivos que teñan en conta os ingresos e a capacidade económica de cada persoa.

Os modelos públicos apostan por sistemas máis equilibrados. No caso da Xunta de Galicia, as persoas usuarias contribúen ao custo do servizo en función da súa capacidade económica, chegando a aboar arredor do 75% dos seus ingresos máis unha porcentaxe do patrimonio, sempre preservando unha parte para gastos persoais.

Pola súa banda, a Deputación de Lugo aplica un modelo progresivo nos seus Centros de Atención ao Maior, cun sistema de prezos que se adapta ás rendas das persoas usuarias. As tarifas máximas sitúanse entre os 1.750 euros para persoas non dependentes e os 2.200 euros para dependentes, pero estas cantidades redúcense significativamente segundo os ingresos. Así, por exemplo, unha persoa cunha pensión non contributiva pode chegar a pagar arredor de 545 euros ao mes, mantendo recursos suficientes para o seu día a día.

Un modelo similar ao da Deputación de Lugo

O sistema aplicado pola Deputación de Lugo é similar ao que aplicará a Deputación da Coruña, con prezos nos que a achega económica das persoas usuarias será proporcional á súa capacidade económica, garantindo que ninguén quede fóra por motivos económicos e que todas as persoas dispoñan dun mínimo para os seus gastos persoais. Os prezos medios das CAM da Deputación serán inferiores á media nacional e galega, e sobre eles descontarase en función dos ingresos da persoa usuaria, de forma progresiva. Canto menor sexa a pensión, menos se pagará pola praza residencial.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que "o carácter público deste modelo se reflicte tamén na política de prezos, que busca ser xusta, equilibrada e accesible para todas as familias". Segundo explicou, "non se trata só de ofrecer un bo servizo, senón de asegurar que ese servizo estea ao alcance de todas as persoas".

Máis alá do aspecto económico, a proposta define un modelo de coidados centrado nas persoas, baseado na convivencia, na autonomía e no benestar emocional. As CAM configúranse como unidades de vida compartida organizadas en pequenos fogares, favorecendo as relacións sociais coa contorna na que se ubican e evitando o illamento das persoas maiores.

No plano organizativo, o modelo combina a especialización na prestación do servizo cun control público exhaustivo. A xestión realizarase mediante concesión, mentres que a Deputación manterá un seguimento continuo da calidade e do funcionamento a través de mecanismos de control administrativo e financeiro.

A proposta de xestión que se leva mañá ao pleno da Deputación da Coruña inclúe tamén o desenvolvemento dun estudo de viabilidade económico-financeira e do regulamento do servizo, que concretarán definitivamente o sistema de prezos e as condicións de acceso.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña avanza na construción dun modelo de coidados máis próximo, personalizado e socialmente xusto, no que a calidade da atención e a accesibilidade económica forman parte dun mesmo compromiso público.