Estás en:Novas

A Deputación impulsa no Pazo de Mariñán a preparación do sector turístico coruñés e dos concellos ante a eclipse total de agosto

O vicepresidente, Xosé Regueira, coida que o principal reto pasa por anticiparse á mobilidade que xerará a eclipse e garantir unha resposta coordinada

Na xornada participaron tamén alcaldes, alcaldesas e persoal técnico de turismo de diferentes concellos da provincia

A Deputación impulsa no Pazo de Mariñán a preparación do sector turístico coruñés e dos concellos ante a eclipse total de agosto

A Deputación da Coruña organizou este martes, 28 de abril, no Pazo de Mariñán (Bergondo), unha xornada formativa centrada na preparación do sector turístico da provincia ante a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto. Trátase dun fenómeno astronómico excepcional que situará boa parte da provincia da A Coruña na franxa de totalidade e converterá o territorio nun punto estratéxico para a observación deste acontecemento.

A apertura da xornada correu a cargo do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, quen puxo o foco na importancia da prevención, da planificación e da información rigorosa como eixes fundamentais ante un evento destas características. «Agora non se trata tanto de promocionar o destino, que entendemos que xa está axeitadamente promocionado, como de organizar con responsabilidade os fluxos de visitantes e poñer o foco na información, na concienciación e na prevención», sinalou.

Neste sentido, Regueira incidiu en que o principal reto pasa por anticiparse á mobilidade que xerará a eclipse e garantir unha resposta coordinada tanto desde o punto de vista turístico como da seguridade e da saúde pública. «Temos que traballar para ordenar a mobilidade das persoas, prever impactos e ofrecer información precisa tamén desde o punto de vista da saúde, para que a experiencia sexa segura e positiva», destacou.

O vicepresidente tamén subliñou a importancia da divulgación práctica ao redor das condicións reais de observación, lembrando que a localización dentro da franxa de totalidade non garante por si soa unha visión axeitada do fenómeno. «Mesmo dentro da franxa de totalidade, non todos os lugares permitirán unha boa observación, porque o Sol estará moi baixo no horizonte e factores como o relevo ou os edificios poden impedir vela en condicións», explicou.

Na xornada participaron tamén alcaldes, alcaldesas e persoal técnico de turismo de diferentes concellos da provincia, nun encontro orientado a analizar as oportunidades e tamén os desafíos organizativos asociados a este fenómeno astronómico, que podería atraer unha importante afluencia de visitantes.

Durante a sesión abordáronse cuestións clave como a seguridade na observación, a planificación de espazos e accesos, a capacidade de acollida, a creación de produtos turísticos específicos e as estratexias de información e coordinación territorial, co obxectivo de que administracións, empresas e profesionais conten coas ferramentas necesarias para afrontar esta cita con planificación e responsabilidade.