Estás en:Novas

A Deputación participa en Valdoviño na entrega das primeiras acreditacións ás empresas turísticas colaboradoras do Xeoparque Cabo Ortegal

A deputada de Plans Provinciais, Cristina García, pechou institucionalmente unha xornada en que se recoñeceu o compromiso de 22 empresas coa calidade, a sostibilidade e a posta en valor do territorio

A Deputación participa en Valdoviño na entrega das primeiras acreditacións ás empresas turísticas colaboradoras do Xeoparque Cabo Ortegal

A Deputación da Coruña participou este martes en Valdoviño no acto de entrega das primeiras acreditacións ás empresas turísticas colaboradoras do Xeoparque Cabo Ortegal. Trátase dunha iniciativa promovida no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) para reforzar a implicación do tecido económico local no desenvolvemento sustentábel do territorio.

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos, Cristina García, participou na xornada xunto ao presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal (AXCO), Alberto Rey; o alcalde de Valdoviño, Alberto González; representantes institucionais e empresas acreditadas, e foi a encargada de pechar institucionalmente o acto.

Nesta primeira edición recibiron a acreditación 22 empresas de diferentes ámbitos vinculados ao turismo, aos aloxamentos, aos servizos e ás experiencias no territorio: Destino Cedeira, Portal Norte (Cedeira Activa SL), Disfrutas Ortegal, Eu fun de vivo, Roteiros Lexendarios, Orixen SL, Granxa do Souto, MardOrtegal, ¿Queresvela?, Apartamento O Plantío, VUT Asesoría Couce, A Casa do Morcego, Casa rural San Andrés de Teixido, Casa Veiga, Apartamentos Lar da Revolta, VUT Casas de Fanego, VUT Monte do Limo, VUT Repousa-Maratico CB, Cabaliño do Lago, GoodLife consultoría, Mai Cerámica e Casa Rodrigo.

O proceso de adhesión, de carácter voluntario, está dirixido a empresas con actividade turística que cumpren requisitos vinculados á calidade do servizo, a sostibilidade e a difusión dos valores do Xeoparque. A acreditación, con vixencia de tres anos —renovábeis—, recoñece o compromiso das entidades participantes coa mellora continua e coa consolidación dun modelo turístico ligado á identidade e aos recursos do territorio.

Durante a xornada realizouse a entrega dos diplomas acreditativos e produciuse o asinamento dos acordos de colaboración coa entidade xestora do Xeoparque, culminando un proceso de acompañamento orientado á mellora da xestión empresarial e á incorporación de criterios de sustentabilidade.

Esta actuación está promovida pola Deputación da Coruña en colaboración coa Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, financiado con fondos europeos NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.