Rosa Ana García pon a CLUN como modelo dos Premios PEL e insta a empresas e autónomos a participar na convocatoria deste ano, dotada con 80.000 euros en premios
O tecido empresarial da provincia a presentar candidaturas antes do 12 de maio
CLUN, unha empresa de referencia no sector agroalimentario galego, recibiu un dos premios PEL da Deputación do ano pasado
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou hoxe as instalacións de CLUN en Ames, unha das empresas recoñecidas na pasada edición dos Premios PEL.
Durante a visita, a deputada interesouse polo funcionamento da cooperativa e pola súa actividade, coñecendo de primeira man o seu modelo produtivo e organizativo, así como o seu papel como referente do sector agroalimentario galego. CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) integra a milleiros de gandeiros e desenvolve unha actividade que abrangue desde a produción ata a transformación e comercialización de leite e derivados.
A cooperativa, con sede en Ames, naceu da unión de varias entidades do sector co obxectivo de reforzar o agrogandeiro galego e garantir un modelo sostible e con futuro para o rural, combinando tradición, innovación e compromiso co territorio.
Rosa Ana García puxo en valor o papel de CLUN como exemplo de empresa recoñecida nos Premios PEL e destacou que "iniciativas como esta demostran que na nosa provincia hai proxectos empresariais sólidos, con capacidade de medrar e de competir, xerando emprego e riqueza sen perder o vínculo co territorio".
A deputada aproveitou a visita para lembrar que continúa aberto o prazo de presentación de candidaturas para a oitava edición dos Premios PEL, que este ano reparten 80.000 euros, a maior contía da súa historia. O prazo para presentarse aos premios permanecerá aberto ata o 12 de maio ás 14.00 horas.
Neste sentido, animou ao conxunto do tecido empresarial da provincia a participar na convocatoria e subliñou que "os Premios PEL son unha oportunidade para dar visibilidade ao talento empresarial da provincia e recoñecer o traballo de empresas que están a impulsar o desenvolvemento económico e social dos nosos concellos".
