Formoso urxe á Xunta a cumprir cos concellos e coa súa viabilidade económica incrementando o Fondo de Cooperación Local ata os 200 millóns de euros
Formoso destaca o impacto do Plan Único en Fene, que permitiu investir máis de 10 millóns de euros e executar 59 obras no municipio
O presidente visitou as sendas peonís do Camiño do Regueiro e Barallobre, financiadas a través do Plan Único
Visitou tamén o centro ocupacional de ASPANEPS, que a Deputación apoia este ano con preto de 30.000 euros para financiar a súa actividade
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reclamou hoxe á Xunta de Galicia o incremento do Fondo de Cooperación Local (FCL) para garantir a viabilidade económica de todos os concellos medianos e pequenos do país, "que, só na provincia da Coruña, son máis do 90%".
Para Formoso, a Xunta mira cara outro lado neste asunto, pois ten estancado este fondo nos 116 millóns de euros para os 313 concellos galegos. "Esiximos xa o incremento do financiamento municipal, pois os concellos teñen cada vez máis dificultades para atender gastos correntes, moitas veces derivados de servizos que non son da súa competencia", advirte o presidente provincial.
A alternativa proposta por Formoso pasa polo crecemento da partida orzamentaria do FCL ata, como mínimo, os 200 millóns de euros. Lamenta, iso si, que os orzamentos do goberno galego "non recollen esta intención nin semella que o vaian facer no futuro". Subliña que esa subida "sería un sinal para os concellos de que a Xunta está preocupada pola súa viabilidade económica".
En contraposición, o Plan Único da Deputación da Coruña volve bater récords de financiamento este 2026, superando os 153 millóns de euros para os 93 concellos coruñeses, 37 millóns máis dos que o FCL da Xunta destina ao financiamento de todos os concellos galegos.
Só este ano, o POS+ medrou un 11% respecto do do 2025, pero o crecemento dende a chegada de Formoso á presidencia provincial é incuestionable. O POS+ pasou de 24,5 millóns de euros ata os 153 actuais, o que supón que se multiplicou por seis nun período de 10 anos. "Cando se quere, pódese. Cando un ten convicción de que hai que axudar aos concellos, pode facelo", sentencia Formoso.
Visita institucional a Fene
Formoso realizou unha visita institucional ao Concello de Fene, onde destacou o papel do Plan Único como ferramenta clave para mellorar as infraestruturas, reforzar os servizos municipais e atender necesidades reais da veciñanza.
A Deputación da Coruña acumula investimentos por valor de 17 millóns de euros en Fene na última década. A maior parte destes fondos corresponden ao Plan Único, que permitiu investir máis de 10 millóns de euros no municipio, financiar 59 obras e contribuír tamén ao mantemento de servizos básicos e ao gasto social.
O presidente provincial foi recibido na Casa do Concello pola alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e por representantes da corporación municipal, cos que mantivo unha reunión para analizar o impacto do POS+ no municipio e abordar as principais necesidades locais.
Formoso subliñou que o Plan Único "permite que cada concello marque as súas prioridades, sen imposicións, cun reparto obxectivo dos fondos e coa máxima autonomía municipal". Neste sentido, destacou que "o Plan Único é hoxe a mellor ferramenta que teñen os concellos para garantir servizos, investir e planificar con estabilidade, especialmente nun momento de forte incremento dos custos".
O presidente afirmou que "estamos nun contexto marcado pola inflación, pola incerteza internacional e polo encarecemento da enerxía e dos servizos", unha situación na que os concellos "están asumindo máis gastos que nunca". Por iso, sinalou, "este plan resulta clave para darlles seguridade, liquidez e capacidade de resposta".
Melloras na seguridade vial con novas sendas peonís
Tras a recepción no Concello, o presidente provincial e a alcaldesa supervisaron dúas obras financiadas con fondos do Plan Único: a senda peonil do Camiño do Regueiro e a senda peonil entre os puntos quilométricos 2+100 e 2+660 da marxe dereita da estrada AC-133.
A primeira das actuacións, a senda peonil do Camiño do Regueiro, permitiu crear un itinerario seguro nunha vía que non dispoñía dun espazo exclusivo para peóns, malia funcionar como conexión co paseo marítimo de San Valentín. A obra incluíu a construción dunha senda peonil, a mellora da drenaxe, a canalización para o alumeado e a humanización da contorna, cun orzamento de 182.155,55 euros.
A segunda intervención, situada na marxe dereita da AC-133, entre os núcleos de Fene e Maniños, en Barallobre, actuou nun tramo que presentaba unha beiravía estreita e unha gabia aberta de formigón, o que dificultaba e poñía en risco o tránsito peonil. A actuación permitiu conectar tramos de beirarrúa xa existentes, canalizar o paso de peóns, mellorar a drenaxe, soterrar canalizacións de alumeado e executar 580 metros de senda peonil, cun investimento de 194.267,71 euros.
"Son obras que poden parecer pequenas se se miran unha a unha, pero que teñen un impacto enorme na seguridade e na vida diaria da veciñanza. Unha senda peonil significa que unha persoa maior poida camiñar con máis seguridade, que unha familia poida desprazarse a pé, que un barrio estea mellor conectado e que o espazo público sexa máis humano", explicou Formoso.
O presidente destacou tamén outras actuacións financiadas pola Deputación en Fene a través do Plan Único, como a reurbanización da contorna das torres I, II e III de San Valentín, a mellora do camiño municipal á pista polideportiva de Magalofes ou a reurbanización da rúa Antonio Montero.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, afirmou que "ambas sendas peonís eran investimentos moi necesarios" e agradeceu o esforzo inversor da entidade provincial, subliñando o bo resultado dos traballos. "Agora, veciñas e veciños non teñen que transitar pola estrada cada vez que queiran desprazarse", afirmou a rexedora.
Apoio ao labor social de ASPANEPS
A axenda da mañá completouse cunha visita ao centro ocupacional de ASPANEPS en Fene, onde o presidente da Deputación estivo acompañado pola deputada provincial de Política Social, Mar García Vidal; pola alcaldesa, Sandra Permuy; e por representantes da entidade. Foron recibidos por Francisco Díaz Sánchez, director técnico de ASPANEPS; Mar Novo, coordinadora do centro ocupacional; e representantes da Xunta Directiva da asociación, Laura Vázquez Francisco e Irene Fraga Filgueiras.
Durante a visita, coñeceron os diferentes obradoiros e actividades que se desenvolven no centro, entre eles os de serigrafía e estampación, artesanía creativa, bisutería, xardinería, reciclaxe, compostaxe, así como os servizos que ofrecen, entre eles atención psicolóxica, estimulación cognitiva e terapia ocupacional.
A Deputación da Coruña, a través das súas liñas de subvencións a entidades sociais da provincia, destina este ano 29.744 euros a financiar a actividade do centro ocupacional de ASPANEPS. A entidade traballa pola autonomía persoal, a formación prelaboral e a inclusión social das persoas usuarias, con actividades de psicoloxía, terapia ocupacional, obradoiros, deporte e rexistros de seguimento durante todo o ano.
ASPANEPS foi fundada en 1980 por familias que buscaban atender as necesidades específicas dos seus fillos e fillas nos ámbitos pedagóxico, psicolóxico e social. Desde entón desenvolve programas dirixidos á infancia, á mocidade e a persoas con discapacidade intelectual ou problemas de saúde mental, entre eles o centro ocupacional de Fene.
A Deputación tamén colaborou recentemente coa entidade na compra dunha furgoneta para facilitar o traslado das persoas usuarias ao centro.
O presidente provincial subliñou "o importante traballo que desenvolven entidades sociais como ASPANEPS no territorio, entidades que coñecen ás persoas polo seu nome e constrúen inclusión desde a proximidade".
"ASPANEPS é un exemplo dese tecido social que sostén a provincia: entidades con experiencia, compromiso e humanidade, que chegan onde moitas veces as administracións non chegan soas", incidiu.
Para rematar, Formoso afirmou que "a protección social é un dos piares básicos e a bandeira deste goberno provincial". Por iso, dende a chegada de Formoso á presidencia, o orzamento vinculado ao financiamento de máis de 800 entidades sociais da provincia medrou un 178%.
