Estás en:Novas

Un comité multidisciplinar fará seguimento da sostibilidade turística no Xeoparque Cabo Ortegal

Cerdido acolleu a primeira reunión do comité de seguimento da sostibilidade turística e desenvolvemento local do Xeoparque do Cabo Ortegal

Unha enquisa realizada a visitantes estima un gasto medio diario superior ao rexistrado en Galiza en categorías como aloxamento, restauración e actividades

Un comité multidisciplinar fará seguimento da sostibilidade turística no Xeoparque Cabo Ortegal

O concello de Cerdido acolleu o mércores desta semana a primeira reunión do comité de seguimento da sostibilidade turística e desenvolvemento local do Xeoparque do Cabo Ortegal. Trátase dun espazo de colaboración interinstitucional e multisectorial integrado 17 representantes das administracións públicas, da comunidade científica e do tecido empresarial e asociativo do territorio.

A presidencia corresponde actualmente ao presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal (AXCO), mentres que a secretaría técnica recae na xerencia da entidade.

A representación da administración local está formada polos alcaldes de Valdoviño, Cerdido, Cedeira, San Sadurniño, Ortigueira e Cariño, ademais da alcaldesa de Moeche. O órgano complétase con dous representantes do tecido empresarial local e outros dous do tecido asociativo.

No ámbito supramunicipal participan representantes da Deputación da Coruña, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. A comisión técnica de expertos está representada polo director científico da AXCO.

Este órgano ten como finalidade principal garantir o seguimento e a avaliación continua dos niveis de sostibilidade turística e desenvolvemento local no Xeoparque Cabo Ortegal, mediante a aplicación do sistema de indicadores ETIS (European Tourism Indicator System). Así mesmo, busca contribuír á mellora da planificación e da toma de decisións no eido turístico, baseándose nos datos obxectivos aportados polos indicadores.

O sistema ETIS constitúe unha ferramenta clave para o seguimento da sostibilidade turística, permitindo analizar dimensións ambientais, económicas e sociais do destino. A través deste sistema, recóllense e analízanse datos que facilitan a identificación de tendencias, a detección de áreas de mellora e a definición de accións estratéxicas adaptadas á realidade do territorio. Este enfoque permite avanzar cara a un modelo de xestión turística máis eficiente, responsábel e aliñado cos principios da UNESCO.

Enquisa a visitantes

No marco desta primeira reunión, presentáronse os primeiros resultados dos indicadores ETIS, que ofrecen unha fotografía inicial do estado da sostibilidade turística no Xeoparque. Son 19 indicadores, seleccionados logo dun proceso de deseño participativo, e que son nutridos con fontes estatísticas oficiais, dados proporcionados polos concellos e enquisas anuais ad hoc de residentes, visitantes, e infraestructuras e empresas turísticas. Entre os primeiros resultados presentados, destacan indicadores vinculados á satisfacción e fidelización da demanda turística, á estrutura da oferta de aloxamento e ao impacto económico do turismo no destino.

O indicador de satisfacción global dos visitantes amosa que o 86 % das persoas enquisadas valoran positivamente a súa experiencia no Xeoparque Cabo Ortegal, cunha mostra de 102 visitantes consultados en marzo de 2026.

En relación coa fidelización do destino, o 96 % das persoas visitantes enquisadas xa visitaran previamente o Xeoparque Cabo Ortegal nos últimos cinco anos.

No ámbito da estrutura da oferta turística, identificáronse 619 empresas de aloxamento no Xeoparque Cabo Ortegal, das cales 558 corresponden a Vivendas de Uso Turístico (VUT), representando aproximadamente o 90% do total da oferta de aloxamento rexistrada.

Canto ao impacto económico do turismo, a enquisa realizada a visitantes estima un gasto medio diario superior ao rexistrado en Galiza en categorías como aloxamento, restauración e actividades. Destaca especialmente o gasto medio en aloxamento, cunha media de 37,67 € por persoa e día no Xeoparque, fronte aos 21,05 € rexistrados no conxunto de Galiza.

Reunións periódicas

O comité reunirase de maneira periódica, como mínimo dúas veces ao ano, co obxectivo de facer seguimento dos avances, avaliar os resultados obtidos e definir novas liñas de actuación que contribúan á mellora continua do destino Xeoparque Cabo Ortegal.

Esta actuación está promovida pola Deputación Provincial da Coruña, en colaboración coa Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Xeoparque Cabo Ortegal, financiado con fondos europeos NextGenerationEU, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.