Estás en:Novas

Regueira reivindica no Congreso CEAV Protour 2026 o papel «humano» das axencias de viaxes fronte ás grandes plataformas e operadoras

O vicepresidente da Deputación da Coruña incidiu tamén na importancia das axencias como prescritoras dun turismo sustentábel e responsábel

Regueira reivindica no Congreso CEAV Protour 2026 o papel «humano» das axencias de viaxes fronte ás grandes plataformas e operadoras

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, interveu este xoves no Congreso CEAV Protour 2026, xornada profesional para axencias de viaxes celebrada no Hotel Finisterre da Coruña. Durante a súa intervención, agradeceu á organización a elección da Coruña como sede do encontro e definiu a cidade e a provincia como «un territorio singular, especial, unha porta de entrada a Galiza», cun produto turístico «moi consolidado» e aínda con grande potencial de desenvolvemento.

Neste foro, Regueira reivindicou o papel «humano» das pequenas e medianas axencias nun contexto turístico cada vez máis despersonalizado e puxo tamén en valor o papel histórico das axencias de viaxes na democratización do turismo e na creación de experiencias de calidade vinculadas ao coñecemento dos territorios.

«Convertestes lugares afastados en destinos desexados. Fixestes da persoa viaxeira non só alguén que quere ver, senón alguén que quere sentir e comprender», afirmou o responsábel provincial de Turismo. Asemade, salientou que as pequenas axencias seguen a conservar «esa alma» que permite unha relación directa coas persoas viaxeiras, fronte á deshumanización das grandes plataformas e operadoras.

O vicepresidente incidiu tamén na importancia das axencias como prescritoras dun turismo sustentábel e responsábel. Segundo explicou, son profesionais que «seguen preferindo a calidade á cantidade» e que «elixen a sustentabilidade no canto da depredación», contribuíndo así á construción de «destinos con sentido».

Presenza da marca 'A paisaxe que sabe'

O acto incluíu unha benvida gastronómica con degustación de produtos ao abeiro da campaña da Deputación 'A paisaxe que sabe', unha iniciativa de promoción agroalimentaria e turística da institución provincial. Participaron Empanadas Ternura (A Coruña), A Factoría do Lume (Narón), Martietas de Fío (Bergondo), Cienporcel Porco Celta (Santiago de Compostela) e Chichalovers (Santiago de Compostela).

Neste contexto, Regueira definiu a campaña como «unha invitación sensorial» para descubrir «unha paisaxe con saber e con sabor», vinculada á identidade gastronómica da provincia. «Falamos dunha terra que segue traballando para dar o mellor da súa gastronomía e do seu produto ás persoas que nos visitan», apuntou.

O vicepresidente concluíu trasladando o compromiso da área de Turismo da Deputación co sector das axencias de viaxes, que definiu como «unha parte indispensábel da cadea de valor do turismo» e clave para garantir «un destino de calidade e con futuro».