A Deputación da Coruña acompaña o sector do libro galego na gala dos Premios Follas Novas
A institución apoiou unha nova edición destes galardóns, que avanzan cara á creación dunha estrutura asociativa propia para reforzar a súa continuidade, consolidación e proxección
De maneira honorífica foron recoñecidas a libraría coruñesa Moito Conto, a Editorial Galaxia —polo 75.º aniversario— e o escritor palestino Basim Al-Khandaqji, distinguido como Escritor Galego Universal
A Deputación da Coruña participou este sábado na gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela e organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. A institución provincial apoiou unha nova edición destes galardóns, que avanzan ademais cara á creación dunha estrutura asociativa propia para reforzar a súa continuidade, consolidación e proxección futura.
O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas Corral, asistiu ao acto, no que se puxo en valor o bo momento creativo da literatura galega e se reivindicou unha maior visibilidade social para o sector do libro. A cerimonia, conducida e musicada por Unha Señora Orquestra —formada por Ailén Kéndelman e Areta Bolado—, estreou ademais a nova imaxe dos premios, deseñada por Pepe Barro.
Entre os galardóns honoríficos entregados nesta edición estiveron os recoñecementos á libraría coruñesa Moito Conto, á Editorial Galaxia —coincidindo co seu 75.º aniversario— e ao escritor palestino Basim Al-Khandaqji, distinguido como Escritor Galego Universal.
Na relación de obras premiadas destacaron Punto de araña, de Nerea Pallares, premio á mellor obra de narrativa; Mapa da estría, de Andrea Nunes Brións, premio ao libro de poesía; e O proceso. Apaga o candil, de Cándido Pazó, premio ao libro de teatro. Tamén foron recoñecidas obras de divulgación, ensaio, literatura infantil e xuvenil, banda deseñada, tradución, edición e promoción da lectura.
Palmarés dos Premios Follas Novas 2026
Premios honoríficos
- Premio FLG: Libraría Moito Conto
- Premio AGE: Editorial Galaxia
- Premio AELG Escritor Galego Universal: Basim Al-Khandaqji
Obras premiadas
- Premio á obra de ensaio e investigación: Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes, de Alba Rodríguez Saavedra (Laiovento)
- Premio á obra de divulgación: Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?, coordinado por Susana Reboredo Morillo (Editorial Galaxia)
- Premio á obra de narrativa: Punto de araña, de Nerea Pallares (Editorial Galaxia)
- Premio á obra infantil: O Peculiar, de Érica Esmorís (Cuarto de Inverno)
- Premio á obra xuvenil: Unha historia de amor como outra calquera, de Rosa Aneiros (Editorial Galaxia)
- Premio ao libro ilustrado: A panadería, de Lucía Belarte e David Lorenzo (Kalandraka)
- Premio ao libro de banda deseñada, gráfico e humor: Rosalía oculta, de Paula Mayor (Editorial Galaxia)
- Premio á iniciativa bibliográfica: Guía ilustrada do Entroido galego, de Alba de Evan, Xabier Domínguez e Iria Prol (Edicións Xerais)
- Premio á obra traducida: A máis recóndita memoria dos homes, de Mohamed Mbougar Sarr, con tradución de María Alonso Seisdedos (Aira)
- Premio ao libro de poesía: Mapa da estría, de Andrea Nunes Brións (Chan da Pólvora)
- Premio ao libro de teatro: O proceso. Apaga o candil, de Cándido Pazó (Editorial Galaxia)
- Premio ao libro mellor editado: A caligrafía das espigas, de Carlos Negro (Apiario)
- Premio promoción da lectura: Club de lectura feminista A Lila + A Sega
