Estás en:Novas
letras galegas 2026

Letras Galegas Vivas: Laboratorio de creación con Emma Pedreira, María Besteiros e Ana Varela

A iniciativa "Letras Galegas Vivas" celebrarase o martes 26 de maio entre as 17:00 e as 19:00 horas.

Culminando coa presentación pública dos relatos creados polas persoas participantes, xunto ás escritoras Emma Pedreira, María Besteiros e Ana Varela.

Agardámoste!

Letras Galegas Vivas: Laboratorio de creación con Emma Pedreira, María Besteiros e Ana Varela

Letras Galegas Vivas

Participa aquí

A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña celebrará o próximo martes 26 de maio unha xornada especial arredor da literatura galega contemporánea baixo o título Letras Galegas Vivas, un proxecto participativo pensado para reivindicar a creación literaria en galego desde unha perspectiva colectiva, viva e aberta á cidadanía. O evento desenvolverase entre as 17:00 e as 19:00 horas, cun acto final aberto ao público ás 19:30 no que se presentarán os textos creados durante o obradoiro.

A proposta nace coa vontade de ofrecer unha celebración diferente das Letras Galegas, afastada do formato tradicional e centrada na participación activa das persoas asistentes. O proxecto está concibido como unha experiencia coral na que a literatura funciona como punto de encontro, diálogo e creación compartida, reivindicando a riqueza e diversidade da escrita galega actual.

Durante a primeira parte da actividade, as persoas participantes —previamente inscritas— dividiranse en tres grupos de traballo coordinados por tres autoras de referencia da literatura galega contemporánea: Emma Pedreira, María Besteiros e Ana Varela. Ao longo de dúas horas, cada grupo construirá de maneira colectiva un relato curto en galego, nun exercicio creativo que busca reflectir "unha realidade creativa plural, coral, viva e diversa".

Tres autoras senlleiras para crear literatura viva

O proxecto conta con tres autoras de renome coordinando as mesas de traballo.

Emma Pedreira, escritora, poeta e artista plástica coruñesa cunha das traxectorias máis recoñecidas das letras galegas actuais. Gañadora do Premio da Crítica Española en narrativa galega por Bibliópatas e fobólogos e do Premio Xerais por Besta do seu sangue, a súa obra transita entre a poesía, a narrativa e a experimentación artística, consolidándose como unha das voces máis singulares da literatura galega contemporánea.

Participará tamén María Besteiros, doutora en Filoloxía Galega e autora de poemarios como A lista da compra, ademais da recente novela Ítaca, finalista do Premio Xerais de Novela. A súa obra afonda nas representacións da maternidade e nas relacións humanas desde unha mirada íntima e contemporánea.

Completa o cartel Ana Varela, poeta e tradutora nada en Narón, autora dos poemarios Asombrario e Onde nacen as hedras, galardoados en diferentes certames literarios galegos. A súa recente incursión narrativa con Runrún consolida unha voz marcada pola sensibilidade poética e pola exploración emocional da memoria e das relacións humanas.

Unha lectura aberta e dinámica

A segunda parte da xornada reunirá novamente os tres grupos, nun espazo común aberto ao público xeral. As coordinadoras darán lectura aos relatos creados durante o obradoiro e compartirán unha conversa arredor da importancia de manter viva a literatura galega, así como da figura de Begoña Caamaño, homenaxeada nesta edición das Letras Galegas. O acceso a esta sesión final será libre até completar aforo.

Con esta iniciativa, a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura galega e coa creación de espazos nos que a literatura deixe de ser un acto individual para converterse nunha experiencia compartida, dinámica e profundamente contemporánea.