Estás en:Novas

A Deputación da Coruña reafirma o seu apoio ao Atlantic Pride como «un espazo de liberdade, visibilidade e celebración da diversidade»

Natividade González participou este mediodía na presentación da sétima edición do festival, que se celebrará do 5 ao 12 de xullo na Coruña

«A cultura non é só entretemento; é tamén un motor de cohesión social, de pensamento crítico e de defensa dos dereitos e das liberdades», afirmou a deputada

A Deputación da Coruña reafirma o seu apoio ao Atlantic Pride como «un espazo de liberdade, visibilidade e celebración da diversidade»

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou este mediodía no pazo de María Pita, na Coruña, na presentación da sétima edición do Atlantic Pride, que se celebrará do 5 ao 12 de xullo na cidade herculina. No acto participaron tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; os directores do festival, Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos; a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita; e o director de Activación Iberia de Hijos de Rivera, Víctor Mantiñán.

Durante a súa intervención, Natividade González destacou o compromiso da Deputación da Coruña co apoio aos festivais culturais da provincia e reivindicou o papel da cultura como ferramenta de transformación social, convivencia e defensa dos dereitos e das liberdades. «A cultura non é só entretemento; é tamén un motor de cohesión social, de pensamento crítico e de defensa dos dereitos e das liberdades», afirmou.

A deputada sinalou que o Atlantic Pride é «moito máis ca unha celebración», definíndoo como «un espazo de encontro, de visibilidade e de reivindicación» que contribúe a facer «da Coruña e do conxunto da provincia lugares máis abertos, máis diversos e máis humanos». Nese sentido, subliñou que a Deputación leva anos apoiando festivais culturais «porque cremos firmemente na capacidade transformadora da cultura».

Natividade González incidiu tamén en que os festivais culturais «dinamizan as vilas e cidades, crean comunidade e xeran actividade económica e turística», pero destacou especialmente a súa capacidade para crear «espazos compartidos onde a cidadanía pode expresarse con liberdade e recoñecerse na diversidade».

A deputada puxo en valor o carácter reivindicativo do Atlantic Pride e o seu compromiso coa diversidade afectiva, sexual e de xénero. «Fronte aos discursos que pretenden recortar dereitos ou sementar medo, eventos como o Atlantic Pride responden con comunidade, con alegría, con cultura e con orgullo», afirmou.

Durante a presentación, os directores do festival deron a coñecer os novos nomes que completan o cartel da sétima edición do Atlantic Pride e repasaron a traxectoria dun evento xa consolidado como unha das citas de referencia do verán na cidade. Tamén animaron o público a participar no V Certame de Literatura LGBTI+ do festival e convidaron a consultar a programación completa a través das canles oficiais do evento.