Desde Rosalía a Begoña. A primavera continúa
A Biblioteca Provincial celebra as Letras Galegas cunha nova Mostra Bibliogáfica.
Maio celebra as Letras Galegas, por este motivo, a Biblioteca Provincial estrea Mostra Bibliográfica: "Desde Rosalía a Begoña. A primavera continúa". A través dela, procúrase achegar as creacións e o legado das mulleres que foron homenaxeadas ao longo das edicións do Día das Letras Galegas.
Maio é o mes das flores e das letras. Así, nesta Mostra, cada figura feminina homenaxeada nas Letras Galegas está representada por unha flor: aquela coa que adoita ser identificada; aquela que simboliza a súa pegada literaria, cultural e mesmo social; ou aquela á que fai referencia o seu nome. Deste xeito, trátase de recoñecer o labor de cada muller celebrada, desde a primeira, Rosalía, á actual, Begoña, asumindo que será continuado polas que virán. A primavera continúa.
A mostra está situada no vestíbulo da Biblioteca Provincial e pode visitarse durante o seu horario de apertura.
