O Pazo de Mariñán acolle o acto institucional polo 182 aniversario da Garda Civil
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou na conmemoración, presidida polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco
O Pazo de Mariñán acolleu hoxe o acto institucional de conmemoración do 182 aniversario da fundación da Garda Civil, presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e no que participou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.
O acto reuniu no pazo bergondés representantes institucionais e mandos da Garda Civil nunha xornada de recoñecemento ao traballo que desenvolven os homes e mulleres do corpo na protección da cidadanía, na seguridade do territorio e na defensa dos recursos naturais.
Durante a súa intervención, o delegado do Goberno en Galicia puxo en valor a achega da Garda Civil para consolidar Galicia como a segunda comunidade autónoma máis segura de España e destacou a eficacia policial acadada no último ano, no que o corpo pechou 2025 coa mellor taxa de resolución de delitos da última década.
Pedro Blanco agradeceu tamén o labor da Garda Civil en ámbitos como a loita contra o narcotráfico e as bandas organizadas, a protección das mulleres vítimas de violencia machista, a seguridade viaria, a convivencia nos centros educativos, a prevención dos delitos telemáticos ou a resposta ante emerxencias e incendios forestais.
O acto incluíu a entrega de condecoracións a gardas civís distinguidos polo seu servizo e traxectoria, así como unha homenaxe aos axentes que pasan á situación de reserva. Xunto ao delegado do Goberno e ao presidente da Deputación participaron tamén o xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, Miguel Ángel González; a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; e o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva, entre outras autoridades.
