A Deputación celebra o éxito do Aldebarán Intasa San Sadurniño, que regresa á elite do voleibol nacional
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, acompañados da deputada Cristina Rey e o deputado Evaristo Ben, recibiron hoxe no salón de plenos provincial ao Aldebarán Intasa San Sadurniño tras o seu ascenso á Superliga Masculina, a máxima categoría do voleibol nacional.
A Deputación trasladoulle a felicitación da provincia ao club por un fito deportivo que devolve a San Sadurniño á elite estatal e que confirma a forza dun proxecto construído desde a base e cunha traxectoria de máis de tres décadas impulsando a práctica do voleibol.
O Aldebarán acadou o ascenso tras unha brillante fase final da Superliga 2 nas Palmas de Gran Canaria, onde se proclamou subcampión e conseguiu o dereito a competir a vindeira tempada na máxima categoría. Un resultado que volve situar o nome de San Sadurniño e da provincia da Coruña no primeiro nivel do voleibol estatal.
Formoso destacou que o éxito do Aldebarán "é unha desas historias que explican moi ben por que o deporte nos fai grandes: un concello de arredor de menos de 3.000 habitantes, cun club que é capaz de competir cos mellores e de levar o nome de San Sadurniño por toda España".
Neste sentido, subliñou o "orgullo" da Deputación de ter contribuído aos éxitos do club co apoio constante que a institución provincial lle vén prestando ao club.
Durante a recepción, Formoso desexoulle ao club sorte nesta nova etapa na Superliga Masculina e puxo en valor o traballo do equipo, do corpo técnico, da directiva e da afección.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, lembrou os éxitos acadados polas categorías inferiores da entidade, co equipo infantil masculino proclamado campión no Campionato Xunta de Galicia a principios de abril e co equipo benxamín tamén recentemente coroado campión galego. "Cando un club chega á máxima categoría nacional e, ao mesmo tempo, gaña títulos coa súa base, está claro que hai canteira e futuro", subliñou.
Un club con historia e cun forte arraigamento local
O Club Deportivo Aldebarán naceu oficialmente en 1992. Desde entón, a entidade converteuse nun dos grandes símbolos deportivos de San Sadurniño e nun exemplo de como o traballo de base, a continuidade e o compromiso da comunidade poden levar un proxecto local ata a elite.
Ao longo da súa traxectoria, o club consolidouse como unha referencia na Superliga 2 e asinou algúns dos maiores éxitos do voleibol galego recente, con títulos, subcampionatos e anteriores etapas na máxima categoría. O seu regreso á Superliga Masculina supón agora un novo capítulo para unha entidade que mantén como sinais de identidade a aposta polos xogadores da canteira e un gran apoio da súa afección.
