Estás en:Novas

A Deputación aborda os retos das políticas culturais galegas nunha nova sesión de ‘Pensando o Futuro’

No ciclo, organizado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a deputada Natividade González destacou a importancia de dotar os concellos de ferramentas útiles para planificar e reforzar as políticas culturais

A Deputación aborda os retos das políticas culturais galegas nunha nova sesión de ‘Pensando o Futuro’

O ciclo 'Pensando o Futuro', organizado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda e a Área de Cultura da Deputación da Coruña, desenvolveu este mércores unha nova sesión coa charla 'Radiografía da Política Cultural Galega'. A sesión foi impartida polo xestor cultural Fran Quiroga, coordinador do Manual de Políticas Culturais Locais, editado a comezos deste ano pola Área de Cultura da Deputación.

Na súa intervención, a deputada de Cultura, Natividade González, cualificou o manual como «un traballo que nace do rigor da investigación e do compromiso coa transformación social a través da cultura» e agradeceu expresamente o labor desenvolvido por Fran Quiroga e Adela Vázquez.

«Esta publicación non é só un manual técnico; é o resultado dunha investigación profunda, dun coñecemento real do territorio e dunha vontade clara de ofrecer ferramentas útiles para quen ten a responsabilidade de facer política cultural desde o local», afirmou.

A deputada incidiu ademais na importancia das políticas culturais municipais, asegurando que «é nos concellos onde a cultura toma forma concreta, onde se escoita á veciñanza, onde se detectan necesidades e onde se tecen redes». Neste sentido, destacou a necesidade de contar con instrumentos que permitan «planificar, diagnosticar, avaliar e mellorar de maneira continua» as políticas culturais locais.

Natividade González reivindicou tamén o papel estratéxico da cultura como «dereito, acceso, participación e identidade compartida», pero tamén como «economía, cohesión social, pensamento crítico e futuro». Así mesmo, defendeu que «un territorio que aposta pola cultura é un territorio máis forte, máis xusto e máis vivo».

A responsábel provincial subliñou ademais o compromiso da Deputación coa cooperación institucional e lembrou que os concellos «precisan acompañamento, recursos e orientación». «Publicacións como esta contribúen precisamente a iso: a ofrecer un marco, unha metodoloxía e propostas concretas que poden adaptarse ás realidades diversas do noso territorio», sinalou.

Como parte da estratexia da Deputación para difundir estas propostas, todas as persoas asistentes á sesión recibiron un exemplar do manual.

Pola súa parte, Fran Quiroga realizou unha reflexión ao redor do modelo de política cultural predominante hoxe en día en Galiza, así como sobre a necesidade de impulsar accións e estratexias que contribúan a fortalecer unha cultura con impacto social. O xestor cultural incidiu tamén no papel das políticas culturais locais como ferramentas para mellorar as condicións de vida da cidadanía e fortalecer o tecido cultural do territorio.