Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia a XVII edición do (S8), que converterá a cidade na capital internacional do cinema de vangarda

A Mostra reunirá 161 películas, 35 estreas mundiais e preto de 80 profesionais convidados

A Deputación da Coruña apoia a XVII edición do (S8), que converterá a cidade na capital internacional do cinema de vangarda

A XVII edición da Mostra Internacional de Cinema Periférico (S8), que se celebrará na Coruña entre o 2 e o 7 de xuño, contará co apoio da Deputación da Coruña nunha programación que reunirá 161 películas, preto de 80 artistas, profesionais e estudantes convidados e 35 estreas mundiais. A presentación oficial do festival tivo lugar este luns na Domus da Coruña coa participación da deputada provincial Avia Veira; dos codirectores da Mostra, Ana Domínguez e Ángel Rueda; do concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro; da coordinadora da política audiovisual da Agadic, Dolores Meijomín; e da directora de programación de Acción Cultural Española, Inmaculada Ballesteros, por videoconferencia.

Este ano, tanto a imaxe do ciclo como a sesión inaugural estarán dedicadas ás eclipses. A este respecto, Avia Veira felicitou a organización por lograr vincular este fenómeno astronómico co (S8) e destacou a «calidade e constancia» dunha programación que definiu como «unha auténtica marabilla». A deputada provincial asegurou que o festival é «un orgullo de cidade» e subliñou que para a Deputación da Coruña «é un pracer colaborar» cun evento destas características.

Veira relacionou a temática desta edición coa propia esencia do cinema, lembrando que «o cine é luz atrapada no tempo» e sinalando que unha eclipse total de Sol é tamén «un intre concreto» producido pola aliñación entre a Terra, o Sol e a Lúa. A deputada referiuse ademais ás interpretacións simbólicas que distintas civilizacións fixeron historicamente das eclipses e destacou que «as inquedanzas humanas universais son a mellor materia para facer arte».

A Mostra Internacional de Cinema Periférico volverá converter A Coruña nun referente internacional do cinema de vangarda cunha edición que este ano estará marcada pola temática dos eclipses. A sesión inaugural incluirá o programa «O obturador cósmico», dedicado ao firmamento e ás diferentes representacións cinematográficas dos eclipses, así como unha proposta da cineasta estadounidense Jeanne Liotta, que recreará un eclipse cinematográfico en directo na Domus.

A programación contará tamén coa presenza de figuras destacadas do cinema experimental internacional como John Porter, Bruno Varela ou Els van Riel, ademais das seccións Sinais e Sinais América Latina, centradas nas creacións máis recentes do cinema de vangarda contemporáneo.

Nesta edición, o festival desenvolverase en cinco sedes: Filmoteca de Galicia, Cantones Cines, Domus, Fundación Luís Seoane e Atalaya. Ademais das proxeccións, o programa inclúe actividades formativas e profesionais, encontros para estudantes e propostas de cine expandido.
A XVII edición do (S8) está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo da Coruña, así como co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, da Deputación da Coruña, do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, de Acción Cultural Española e da Fundación Luís Seoane.