Estás en:Novas

A Deputación investirá 325.635 euros nas obras de rehabilitación da Casa Cuartel da Garda Civil de Betanzos

O investimento articularase a través dun convenio coa Secretaría de Estado de Seguridade, a través da Dirección Xeral da Garda Civil

As obras permitirán renovar a cuberta, reparar humidades nas vivendas, impermeabilizar os patios e substituír o peche exterior do acuartelamento

O cuartel presta servizo a trece concellos da comarca

A Deputación investirá 325.635 euros nas obras de rehabilitación  da Casa Cuartel da Garda Civil de Betanzos

A Deputación da Coruña investirá 325.635,95 euros nas obras de rehabilitación da Casa Cuartel da Garda Civil de Betanzos, unha actuación que se desenvolverá a través dun convenio de colaboración entre a institución provincial e a Secretaría de Estado de Seguridade, a través da Dirección Xeral da Garda Civil.

O convenio ten por obxecto financiar as obras de rehabilitación do acuartelamento brigantino, que presenta problemas de humidades e filtracións de auga en varias dependencias, derivados principalmente do mal estado da cuberta e de diferentes patoloxías construtivas no edificio.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que esta actuación "permitirá acometer unhas obras moi necesarias nun edificio que presta un servizo público esencial para Betanzos e para a súa comarca". Formoso sinalou que "a Garda Civil debe contar con instalacións dignas, modernas e adecuadas, tanto para mellorar a atención á cidadanía como para garantir unhas mellores condicións de traballo aos profesionais que desenvolven nelas a súa labor diaria".

As obras incluirán a substitución completa da cuberta, a reparación das humidades no interior das vivendas, a impermeabilización dos patios interiores e a substitución do peche perimetral da parcela. Tamén se acometerán reparacións en paramentos, falsos teitos, pavimentos, rodapés, carpinterías e instalacións afectadas polas filtracións ou pola humidade.

A cuberta actual presenta un deficiente estado de conservación e é unha das principais causas da entrada de auga nas vivendas situadas na última planta. A intervención prevé a retirada da cuberta existente, incluíndo os elementos de fibrocemento con amianto mediante unha empresa homologada, e a instalación dunha nova cuberta con materiais libres de amianto, novas tellas, canalóns, illamento térmico e unha liña de vida homologada.

As obras tamén resolverán problemas de condensación e capilaridade detectados nas vivendas. Nas zonas máis afectadas procederase á substitución de falsos teitos, á reparación de paramentos, á incorporación de illamento térmico, á renovación de pavimentos e á instalación de sistemas de protección contra a humidade nas vivendas da planta baixa.

A actuación inclúe ademais a impermeabilización dos patios interiores, coa retirada do pavimento actual, a formación de novas pendentes cara aos sumidoiros e a aplicación dunha nova impermeabilización. No exterior, substituirase o actual peche perimetral de celosía de formigón, que se atopa deteriorado, por un novo cerramento.

O investimento total ascende a 325.635,95 euros, que serán asumidos integramente pola Deputación.

Un cuartel que presta servizo a 13 concellos da comarca

Formoso incidiu en que "esta colaboración coa Dirección Xeral da Garda Civil permite dotar de mellores condicións a un cuartel que presta servizo non só á veciñanza de Betanzos, senón a boa parte da comarca". O acuartelamento da Garda Civil de Betanzos dá cobertura a 13 concellos, nun ámbito territorial de 677,27 quilómetros cadrados e a unha poboación próxima ás 68.000 persoas.

O presidente provincial subliñou tamén a importancia da Garda Civil para manter a seguridade no rural e nos concellos de menor tamaño. "Nunha provincia como a da Coruña, con moitos núcleos de poboación dispersos, a presenza da Garda Civil é fundamental para garantir proximidade, prevención, resposta rápida e tranquilidade á veciñanza".

O convenio establece que a Deputación será a encargada de contratar a execución das obras, unha vez obtidas as autorizacións e licenzas precisas, co obxectivo de coordinar os traballos, optimizar custos e reducir os prazos de execución. Pola súa banda, a Dirección Xeral da Garda Civil porá o inmoble a disposición da Deputación para a realización dos traballos e comprométese a manter o uso público das instalacións durante un prazo mínimo de dez anos.