Estás en:Novas

A Deputación estuda en Euskadi e Navarra o éxito das súas vías verdes para aplicalo na Compostela-Tambre-Lengüelle

O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado Antonio Leira encabezaron unha delegación institucional e empresarial para coñecer sobre o terreo os modelos de xestión turística

A viaxe formativa polos trazados de Montes de Hierro e Plazaola pecha o plan de impulso ao sector financiado con fondos europeos

A Deputación estuda en Euskadi e Navarra o éxito das súas vías verdes para aplicalo na Compostela-Tambre-Lengüelle

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o deputado Antonio Leira encabezaron a delegación que estes días viaxou ao País Vasco e Navarra co obxectivo de coñecer de primeira man as mellores prácticas no ámbito do turismo sustentable. A delegación coruñesa viaxou acompañada por responsables político-técnicos e empresarios dos concellos de Santiago de Compostela, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda , os cinco municipios vinculados ao trazado da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle.

Durante as xornadas de traballo, analizaron sobre o terreo os modelos de gobernanza e xestión das vías verdes de Montes de Hierro e do Plazaola, consideradas dous referentes estatais neste tipo de infraestruturas. A primeira parada tivo lugar na comarca vasca de Enkarterri, onde foron recibidos polos alcaldes e responsables locais no Centro de Información de Galdames. Alí puideron coñecer polo miúdo as estratexias de financiamento, os retos de xestión e o funcionamento de servizos complementarios cruciais para o cicloturismo, como as empresas de alugueiro de bicicletas.

O percorrido técnico en Montes de Hierro incluíu tamén visitas a diversas infraestruturas que serven de exemplo para o desenvolvemento da canle coruñesa, tales como o túnel de La Aceña, o contador de usuarios Eco Counter ou o aparcadoiro para autocaravanas de Sopuerta. Así mesmo, a comitiva visitou o Museo da Minería do País Vasco, un espazo que amosa como ligar o patrimonio industrial e histórico co potencial turístico da propia vía.

A expedición continuou cara a Navarra para estudar a Vía Verde do Plazaola. Na estación de Lekunberri, os deputados e o persoal técnico avaliaron a integración de actividades de turismo activo e a oferta de produtos de proximidade. O itinerario completouse cunha ruta guiada ata a fervenza de Ixkier e visitas a iniciativas locais sustentables, como unha queixaría en Etxarri-Larraun e o Parque-Museo Peru-Harri en Leitza, que serven de mostra do impacto económico positivo que estes itinerarios xeran no seu contorno rural.

Esta viaxe supón a acción de peche dun programa de formación moito máis amplo promovido pola institución provincial. Previamente realizouse un estudo de diagnóstico sobre o tecido empresarial da zona para impartir obradoiros en materias clave como o marketing dixital, a atención ao visitante, a reputación en liña ou o deseño de experiencias turísticas baseadas na gastronomía e no produto local.