Estás en:Novas

Regueira aposta pola coordinación aeroportuaria e unha estratexia galega común para reforzar a conectividade

O vicepresidente da Deputación participou nun foro de El Ideal Gallego sobre o futuro de Alvedro e reclamou «máis servizo e menos competencia entre infraestruturas»

Regueira aposta pola coordinación aeroportuaria e unha estratexia galega común para reforzar a conectividade

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, participou este martes na Coruña nun foro sobre o presente e futuro do aeroporto de Alvedro e a súa importancia para a mobilidade, a economía e o turismo da área coruñesa. Durante a súa intervención, defendeu a necesidade dunha planificación da conectividade baseada na coordinación entre infraestruturas e administracións, non na competencia entre aeroportos. «Máis que ter infraestruturas, temos que ter servizo», afirmou, incidindo en que o actual modelo require unha visión estratéxica a medio e longo prazo.

O vicepresidente provincial subliñou tamén a importancia de combinar o desenvolvemento aeroportuario cun sistema de mobilidade sustentábel. «O transporte limpo e a conectividade por tren son algo fundamental, pero non podemos perder un deseño territorial que inclúa os aeroportos», sinalou.

Neste sentido, advertiu de que os aeroportos centrados principalmente na conectividade doméstica están a perder tráfico fronte ao ferrocarril de alta velocidade, especialmente polas vantaxes competitivas do tren en tempos de espera, controis e conexión directa cos centros urbanos. «Hai que analizar iso a medio prazo e non se está a facer», indicou.

O vicepresidente incidiu ademais en que a conectividade é tamén unha cuestión de ordenación do territorio e reclamou maior implicación doutras administracións, afeando que se pretenda derivar os custos aos concellos e cidades onde están situadas estas infraestruturas.

Na súa intervención, Regueira defendeu igualmente a colaboración público-privada como ferramenta necesaria para garantir a viabilidade e eficiencia do sistema. «As administracións teñen que poñer diñeiro, pero o sector tamén», afirmou.

O foro, organizado por El Ideal Gallego (Editorial La Capital) e celebrado no salón de actos da ONCE, reuniu representantes institucionais, turísticos e empresariais para analizar os retos e oportunidades da conectividade aérea da área coruñesa. Na mesa redonda na que participou o vicepresidente interviñeron tamén o concelleiro de Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, e o xerente do Coruña Convention Bureau, Álvaro Lens.