Estás en:Novas

A Deputación aproba investimentos por 1,2 millóns de euros en estradas provinciais de Lousame, Santiago, A Coruña, Malpica e Ponteceso

O pleno provincial deulles luz verde a catro proxectos para mellorar a seguridade viaria, renovar firmes, reforzar a drenaxe e actuar en distintos tramos da rede provincial

A Deputación aproba investimentos por 1,2 millóns de euros en estradas provinciais de Lousame, Santiago, A Coruña, Malpica e Ponteceso

A Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade no pleno provincial catro novos proxectos de mellora na rede viaria provincial, cun investimento global de 1.198.353,20 euros nos concellos de Lousame, Santiago de Compostela, A Coruña, Malpica e Ponteceso.

As actuacións permitirán renovar firmes deteriorados, mellorar a capa de rodaxe, reforzar a seguridade viaria, actualizar a sinalización e resolver problemas de drenaxe en diferentes puntos da rede provincial, dentro do traballo da Deputación para conservar, mellorar a seguridade e modernizar a rede provincial de estradas.

Un dos proxectos aprobados corresponde á DP 1103, Comparada á Ponte Beluso, no concello de Lousame, cun orzamento de 68.405,60 euros. A actuación localízase no punto quilométrico 5+865, entre os lugares de Bursó e A Escabia, na parroquia de Fruíme, onde se detectaron deterioros no firme provocados pola circulación subterránea de auga procedente dunha obra de drenaxe transversal.

A intervención contempla a reposición completa desta estrutura de drenaxe, actualmente deteriorada, mediante a demolición da existente e a execución dunha nova taxeira formada por tubaxe de formigón armado de 150 centímetros de diámetro interior. Tamén se inclúe o saneamento, afirmado e pavimentación do tramo de estrada afectado pola erosión, a reposición e prolongación dun muro de dique na marxe dereita, a execución de cunetas revestidas, a instalación de barreira metálica de seguridade tipo bionda e a sinalización vertical correspondente.

O pleno tamén aprobou o proxecto de mellora de firme con mestura bituminosa en quente na DP 0701, Santiago a Portomouro, no concello de Santiago de Compostela, cun investimento de 446.844,77 euros. As obras actuarán nos treitos comprendidos entre os puntos quilométricos 3+800 e 5+100 e entre o 6+400 e o 7+600.

Neste caso, os traballos inclúen a limpeza de gabias e a rozada de taludes, o fresado e reposición do firme nas zonas puntuais máis deterioradas e o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros de espesor en todo o ancho da calzada. O proxecto incorpora tamén a renovación da sinalización horizontal, con pintura vial branca en eixe e beiravías, símbolos e marcas brancas transversais, así como a renovación da sinalización vertical e da bionda nos treitos deteriorados. O prazo de execución será de cinco meses.

Outra das actuacións aprobadas corresponde á DP 3006, acceso á Zapateira, no concello da Coruña, cun orzamento de 235.110,31 euros. O proxecto actuará entre os puntos quilométricos 2+500 e 4+020 para mellorar a capa de rodaxe desta estrada provincial.

As obras previstas inclúen o despexo e limpeza de cunetas por ambas as marxes, o fresado do firme existente nun espesor de 4 centímetros e o estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros. Ademais, renovarase a sinalización horizontal mediante pintura acrílica en base acuosa e procederase ao recrecido de tapas de rexistro de pozos e sumidoiros para adaptalos á nova rasante. Durante a execución dos traballos manterase en servizo un dos carrís, actuando primeiro nunha marxe e posteriormente na outra. O prazo de execución previsto destas obras é de tres meses.

Por último, o pleno deulle luz verde ao proxecto de mellora de firme con mestura bituminosa en quente na DP 4307, Malpica a Ponteceso, cun investimento de 447.992,52 euros. A actuación desenvolverase nos treitos comprendidos entre os puntos quilométricos 0+300 e 0+500, 2+900 e 4+080, e 11+870 e 12+600, nos concellos de Malpica e Ponteceso.

O proxecto inclúe a limpeza de cunetas con desbroce de taludes, o fresado e reposición do firme en zonas deterioradas, o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros entre os puntos quilométricos 2+900 e 4+080, e a reposición con mestura bituminosa entre os puntos 0+300 e 0+500 e 11+870 e 12+600.

Tamén se prevé a mellora das beiravías entre os puntos quilométricos 2+900 e 4+080, con saneo e recheo con material seleccionado, grixo, grava, tratamento semiprofundo e unha capa de mestura bituminosa en quente de 4 centímetros. A intervención completarase coa renovación da sinalización horizontal e coa reposición de canalizacións no tramo afectado pola mellora das beiravías. O prazo previsto de execución é de cinco meses.

Estas catro actuacións forman parte da planificación da Deputación da Coruña para garantir a conservación, seguridade e funcionalidade da rede provincial de estradas, que supera os 2.100 quilómetros e presta servizo diario aos concellos e á veciñanza da provincia.