Estás en:Novas

Formoso trasládalle ao alcalde de Malpica que a Deputación estudará a construción dunha senda peonil na estrada de Beo a Porto do Fondo

O presidente da Deputación e Eduardo Parga analizaron as necesidades do municipio e repasaron os investimentos realizados pola institución provincial, que suman 14,4 millóns de euros durante a etapa de Formoso

O Plan Único permitiu investir 7,2 millóns de euros en Malpica e executar 60 obras para mellorar infraestruturas, servizos e equipamentos municipais

Formoso trasládalle ao alcalde de Malpica que a Deputación estudará a construción dunha senda peonil na estrada de Beo a Porto do Fondo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, para analizar as principais necesidades do municipio e abordar novas actuacións de mellora nas infraestruturas locais.

Durante o encontro, o alcalde trasladou ao presidente provincial a necesidade de estudar a construción dunha senda peonil na estrada provincial DP 4307, no tramo que comunica Beo con Porto do Fondo. Formoso comprometeuse a analizar esta proposta cos servizos técnicos do departamento de Vías e Obras da Deputación, co obxectivo de avaliar a súa viabilidade e as posibles solucións técnicas para mellorar a seguridade viaria na zona.

O presidente da Deputación destacou que "a seguridade das persoas é sempre unha prioridade nas estradas provinciais, especialmente nos tramos nos que conviven tráfico rodado e desprazamentos peonís". Neste sentido, subliñou que a institución provincial "estudará co departamento técnico de Vías e Obras esta demanda do Concello de Malpica para valorar a mellor resposta posible".

Formoso e Parga abordaron tamén os investimentos realizados pola Deputación no municipio durante os últimos anos, que suman 14,4 millóns de euros desde o inicio da presidencia de Formoso. A metade desa cantidade, 7,2 millóns corresponden ao Plan Único, o principal instrumento de cooperación municipal da Deputación, que permite aos concellos decidir as súas prioridades e executar actuacións adaptadas ás necesidades reais da veciñanza.

No caso concreto de Malpica, o Plan Único permitiu financiar 60 obras destinadas á mellora de infraestruturas, servizos públicos e equipamentos locais. Entre as actuacións destacan a renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de Pedra Queimada, acabada de adxudicar, así como a mellora de numerosas pistas e camiños municipais nas diferentes parroquias do concello.

"O Plan Único é unha ferramenta útil porque chega a todos os concellos e permite actuar onde realmente fai falta: nunha estrada, nun camiño, nun equipamento deportivo ou nun servizo básico para a veciñanza", afirmou Formoso.

O presidente provincial incidiu tamén na importancia da colaboración directa cos concellos para coñecer de primeira man as súas necesidades. "É importante escoitar aos alcaldes e alcaldesas e tratar de ofrecer respostas realistas, útiles e próximas aos problemas dos concellos", sinalou.

A reunión serviu para pór en común a colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Malpica de Bergantiños, así como para avanzar no estudo de novas actuacións que contribúan a mellorar a seguridade viaria, as infraestruturas municipais e a calidade de vida da veciñanza.