A Deputación destaca o papel do Club Ría de Betanzos como referente da canteira do piragüismo galego
José Ramón Rioboo participou no Cine Alfonsetti na presentación oficial da tempada da entidade, que reúne deportistas de todas as categorías, desde benxamíns ata veteranos
O deputado puxo en valor o traballo do club, o apoio das familias e a tradición piragüista de Betanzos, berce de referentes como o medallista olímpico Carlos Arévalo
O deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital da Deputación da Coruña, José Ramón Rioboo, participou onte no Cine Alfonsetti de Betanzos na presentación oficial da tempada do Club Piragüismo Ría de Betanzos, un acto no que se deu a coñecer o equipo deportivo da entidade, os seus patrocinadores e as regatas oficiais que se celebrarán os días 12 e 13 de xuño. O acto contou tamén coa asistencia da alcaldesa de Betanzos, María Barral, e de representantes da Federación Galega de Piragüismo.
A gala, que se celebrou baixo o lema "Do legado ao futuro", reuniu deportistas de todas as categorías, desde benxamíns ata veteranos, así como familias, adestradores, patrocinadores, representantes institucionais e integrantes da Federación Galega de Piragüismo.
Na súa intervención, Rioboo destacou que o acto "representa o mellor do deporte: nenos e nenas que empezan, mozos e mozas que medran competindo, veteranos que seguen dando exemplo e familias enteiras que acompañan e un club que traballa todos os días para manter viva esta paixón polo piragüismo".
O deputado subliñou a forte vinculación de Betanzos con esta disciplina deportiva, ligada á ría, ao río Mandeo e a unha tradición que deu nomes propios de referencia no piragüismo galego e español. Neste sentido, lembrou a figura de Carlos Arévalo, que deu os seus primeiros pasos deportivos no Club Ría de Betanzos no ano 2001 e desde alí iniciou unha traxectoria que o levou a ser medallista olímpico e campión do mundo.
"A historia de Carlos Arévalo é un orgullo para Betanzos e para toda a provincia, pero tamén unha mensaxe moi poderosa para todos os nenos e nenas que hoxe forman parte do club: os grandes soños tamén poden empezar aquí", afirmou Rioboo.
O deputado puxo tamén o foco no traballo diario que fai posible a existencia dunha canteira sólida e subliñou o compromiso da Deputación da Coruña co deporte de base e cos clubs que, como o Ría de Betanzos, permiten que centos de rapaces e rapazas poidan practicar deporte nos seus concellos.
Rioboo pechou a súa intervención desexando ao club unha gran tempada e convidando á cidadanía a participar nas regatas dos días 12 e 13 de xuño, nas que Betanzos volverá ser punto de encontro do piragüismo galego.
Durante o acto tamén se puxo en valor o bo momento deportivo do club, que chega á nova tempada con forza tras a súa participación no último Circuito Deputación da Coruña de Piragüismo, no que o Ría de Betanzos conseguiu a vitoria por equipos na regata celebrada en Miño e destacou especialmente nas categorías de base.
A presentación incluíu tamén o recoñecemento aos patrocinadores da entidade e a posta de longo das diferentes categorías deportivas do club.
