Máis de 300 artistas homenaxearon a Manuel María nun concerto multitudinario no Auditorio de Galicia
Propostas artísticas como 'As rúas do vento ceibe' serven para celebrar «a riqueza da nosa lingua, da nosa literatura e da nosa música», subliñou a deputada de Cultura, Natividade González
A Orquestra Sinfónica de Pontevedra, oito formacións corais e a mezzosoprano Julia Portela Piñón participaron no concerto baixo a dirección musical de David Fiuza
O Auditorio de Galicia acolleu o sábado, 30 de maio, o concerto 'As rúas do vento ceibe', unha proposta musical de grande formato que reuniu máis de 300 artistas sobre o escenario nunha homenaxe á poesía galega e, de maneira especial, á figura de Manuel María. A iniciativa, incluída na programación do Día das Letras Galegas, tomou como punto de partida a obra do escritor chairego para construír un espectáculo musical no que tamén estiveron presentes textos de Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro.
O proxecto contou coa composición de Xosé Carlos Seráns Olveira, que puxo a música ás trece pezas que conformaron o repertorio interpretado durante a actuación. A interpretación correu a cargo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, da mezzosoprano Julia Portela Piñón e dun amplo conxunto coral integrado por formacións de diferentes puntos de Galicia. Baixo a dirección musical de David Fiuza, o concerto converteuse nunha mostra da capacidade da música para dialogar coa literatura e achegar ao público algúns dos versos máis representativos da creación poética galega.
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou o valor dunha proposta que «pon en diálogo a poesía de tres referentes imprescindíbeis da nosa literatura» e que permite redescubrir, a través da música, uns versos que forman parte da memoria colectiva e da identidade do pobo galego. A responsábel provincial puxo tamén en valor o carácter colectivo da iniciativa, que reuniu centos de intérpretes e numerosas formacións artísticas ao redor dun proxecto común, demostrando «a forza e a vitalidade da cultura galega cando traballa de maneira colaborativa».
González subliñou ademais o compromiso da Deputación co apoio a iniciativas culturais deste tipo, que contribúen a difundir o patrimonio cultural galego, crear emoción compartida e achegar a cultura á cidadanía. A deputada incidiu tamén en que propostas como As rúas do vento ceibe serven para celebrar «a riqueza da nosa lingua, da nosa literatura e da nosa música» e para fortalecer o vínculo da sociedade coa creación cultural do país.
O concerto foi promovido pola Fundación Manuel María coa colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, a Asociación Cultural e Musical Solfa, Amigos da Ópera de Compostela e a Casa-Museo Manuel María.
