José Ramón Rioboo participa na presentación da VI Feira do Automóbil de Agrela
O deputado provincial destacou o papel do polígono como un dos grandes motores económicos da Coruña e como espazo de referencia para o sector da automoción
O deputado provincial responsable das áreas de Economía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo, participou hoxe na presentación da VI Feira do Automóbil de Agrela, que se desenvolverá os días 11, 12 e 13 de xuño nos concesionarios do polígono.
O acto tivo lugar nas instalacións da Asociación de Empresarios de Agrela e contou coa participación do vicepresidente da entidade, Joan Vidal; o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontela; o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica da Coruña, Juan Ignacio Borrego; o director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, e a portavoz dos concesionarios participantes, Cristina Liñares.
Durante a súa intervención, Rioboo puxo en valor a capacidade de Agrela para seguir medrando, adaptarse aos cambios e consolidarse como un dos principais espazos de actividade económica da cidade e da provincia.
O deputado destacou tamén o peso específico do sector da automoción no polígono, que nos últimos anos reforzou a súa presenza ata acoller 32 marcas, fronte ás 28 existentes hai un ano. Segundo apuntou, este crecemento confirma "a confianza das empresas en Agrela e a importancia dun sector que está a vivir unha transformación profunda, marcada pola innovación, a dixitalización, a seguridade e os novos modelos de mobilidade".
A VI Feira do Automóbil de Agrela reunirá vehículos novos, seminovos, quilómetro cero e de ocasión, con unidades dispoñibles para entrega inmediata e descontos especiais durante os tres días do evento. Ademais, os concesionarios participantes repetirán o bono adicional de 500 euros de desconto nas vendas realizadas durante a feira, unha achega que se suma ao prezo especial de cada vehículo.
Rioboo felicitou á Asociación de Empresarios de Agrela e aos concesionarios participantes pola consolidación dunha feira que chega xa á súa sexta edición e que se ten convertido nunha cita de referencia para o sector na comarca. Na edición deste ano participan GALCAR, Grupo Breogán, Fiateira Motor, Sportauto Galicia, Integral Motion, Grupo Resnova, Corgal Automóviles, Carrera e Hijos, Hyupersa, Weevocar, Zina Móvil e Pardo Automoción.
