Estás en:Novas

A Deputación colabora un ano máis coa Carballeira de Zas

A deputada de cultura, Natividade González, asistiu esta mañá á presentación oficial do cartel, acompañada do alcalde de Zas, Manuel Muíño e a técnica de gastronomía e proximidade de Estrella Galicia, Cristina Canosa; o director do festival, Diego Blanco, e o membro do grupo Radio Cos, Xurxo Fernandes

Ademais de Radio Cos, Alana; Baiuca; David Pasquet; El Nido ou Fillas de Casandra son algúns dos artistas que actuarán en Zas o 7 e 8 de agosto

A Deputación colabora un ano máis coa Carballeira de Zas

A Festa da Carballeira de Zas prepárase para facer historia coa súa 41ª edición, unha das máis ambiciosas, potentes e agardadas polo público. Así o anunciaron esta mañá a deputada de cultura, Natividade González; o alcalde de Zas, Manuel Muíño; a técnica de gastronomía e proximidade de Estrella Galicia, Cristina Canosa; o director do festival, Diego Blanco, e o membro do grupo Radio Cos, Xurxo Fernandes, nun acto que se celebrou na Cervexaría Estrella Galicia da Coruña.
Natividade González sinalou que para a entidade provincial é un "orgullo" colaborar economicamente co festival, e destacou o traballo da organización: "Desde á área de Cultura queremos poñer en valor o incrible esforzo de todas as persoas que poñen a alma en sacar adiante este proxecto. Para nós é un orgullo colaborar economicamente co festival, camiñando da man da organización para tecer redes e crear unha riqueza cultural que xa é referente para a provincia, para o país e para todo o Estado".
Ademais, a titular de cultura celebrou a aposta do festival por unha programación "para todos os públicos" con actividades familiares "que conquistarán tamén aos máis pequenos".
A 41ª Festa da Carballeira consiste en dúas xornadas nas que a música de raíz, a gastronomía local e a identidade comunitaria fusionaranse nunha experiencia única para todas as xeracións.
Programación
O venres 7 de agosto, o festival abrirá as súas portas a partir das 22:00 horas co son de El Nido. A noite continuará coa revolucionaria fusión de música electrónica e tradicional de Baiuca, para pechar a primeira xornada por todo o alto co prestixioso clarinetista bretón David Pasquet.
O sábado 8 a música arrancará ás 12:00 horas, cun formato totalmente familiar e interxeracional da man de Paco Nogueiras, a música de Xabier Díaz, o espectáculo da CE Orquesta Fantasma e o ilusionismo do Mago Teto. Esta intensa mañá servirá como antesala para a tradicional e gran Foliada popular.
Xa de cara á noite do sábado, os grandes concertos principais encherán o recinto coas propostas de Alana, o directo de Radio Cos, o folk internacional dos irlandeses Blackwest e o agardado directo do dúo Fillas de Cassandra. O broche final e o peche desta edición correrá a cargo do ritmo de Señora DJ.
Ademais da programación musical, como é tradición, todos os asistentes disporán dun espazo lúdico infantil, feira de artesanía, unha coidada e variada oferta gastronómica e a habitual zona de acampada gratuíta dotada con baños e duchas, situada a moi poucos metros do recinto musical na Carballeira de Velar de Zas.