A Deputación inviste 160.000 euros na mellora do centro asistencial de APADER en Cedeira
Valentín González Formoso e a vicepresidenta da entidade, María Isabel Latorre, asinaron o convenio que permitirá cofinanciar unha actuación cun orzamento total de 350.200 euros
As obras inclúen a renovación da cuberta, dos cerramentos de fachada e das carpinterías, ademais da mellora do pavimento exterior e a execución dun drenaxe perimetral para corrixir problemas de humidades
A intervención mellorará o confort e as condicións dun centro que atende a 36 persoas con discapacidade intelectual
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta de APADER, María Isabel Latorre Morado, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a institución provincial achegará 160.000 euros para cofinanciar obras de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética do centro asistencial da entidade, situado no lugar de Régoa, en Cedeira. Á sinatura asistiu tamén o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda e a concelleira María Pernas.
A actuación conta cun orzamento total de 350.200,51 euros e permitirá acometer unha mellora integral da envolvente térmica do edificio, co obxectivo de optimizar o seu comportamento enerxético, reducir problemas de humidade e mellorar o confort das persoas usuarias e profesionais do centro.
Formoso destacou que este convenio "é unha mostra do compromiso da Deputación coas entidades sociais como APADER que realizan un labor imprescindible no apoio ás persoas con discapacidade e ás súas familias".
"O traballo de APADER en Cedeira e na comarca é fundamental. Leva anos ofrecendo atención, acompañamento e servizos a persoas con discapacidade intelectual. Apoiar a mellora das súas instalacións supón apoiar directamente a calidade de vida destas persoas", afirmou o presidente provincial.
O presidente da Deputación da Coruña puxo tamén en valor a colaboración co Concello de Cedeira e co tecido social do municipio. "Cando unha entidade como APADER, o Concello e a Deputación traballan na mesma dirección, quen gaña son as persoas. Este convenio permite mellorar un centro esencial para Cedeira e para moitas familias da comarca", sinalou.
A vicepresidenta da entidade, María Isabel Latorre, agradeceu o apoio da Deputación e subliñou a importancia desta colaboración para acometer unha obra imprescindible para mellorar a habitabilidade do centro e o benestar das persoas usuarias.
A intervención centrarase na renovación da cuberta, dos cerramentos de fachada e das carpinterías exteriores. Ademais, actuarase sobre a soleira e o pavimento exterior, que presentan zonas deterioradas, gretas e afundimentos, e executarase un drenaxe perimetral para solucionar os problemas de humidade existentes na planta baixa.
O proxecto prevé tamén actuacións destinadas a mellorar a impermeabilización, a evacuación de augas, o illamento térmico e o acondicionamento acústico do edificio, sen modificar a distribución interior nin alterar as superficies existentes.
O centro asistencial de APADER desenvólvese nun edificio principal de dúas plantas, construído orixinalmente en 1960 e ampliado sucesivas veces ao longo dos anos. A pesar do seu bo estado xeral de conservación, o inmoble presenta unha envolvente térmica con escaso illamento e problemas de humidade na planta baixa, polo que a actuación resulta necesaria para mellorar as condicións de uso das instalacións.
A intervención beneficiará directamente a 36 persoas con discapacidade intelectual. Delas, 15 pernoctan durante todo o ano nas instalacións da residencia Gonzalo Latorre, outras 8 viven nas dúas vivendas tuteladas da entidade e o resto acoden ao centro durante o día e regresan posteriormente ao seu domicilio familiar.
APADER é unha entidade sen ánimo de lucro que ten entre os seus fins a creación e mantemento de centros educativos, laborais e residenciais, así como a atención adecuada ás persoas con discapacidade intelectual do seu ámbito territorial.
