Antonio Leira destaca que a Final Four da Primeira FEB confirma “o gran momento do baloncesto coruñés”
O deputado de Deportes participou en María Pita no acto de presentación da cita, que se disputará esta fin de semana no Coliseum coa participación do Leyma Básquet Coruña
O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou hoxe no Pazo de María Pita no acto de presentación da Final Four da Primeira FEB de baloncesto, que se disputará esta fin de semana no Coliseum da Coruña e na que o Leyma Básquet Coruña buscará a última praza de ascenso á Liga ACB.
O acto estivo presidido pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e contou tamén coa participación do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o secretario xeral para o Deporte, Roberto García; a directora de Competicións da Federación Española de Baloncesto, Hanna Ballhaus; o presidente do Leyma Básquet Coruña, Pablo de Amallo; e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez.
Antonio Leira destacou que a celebración desta Final Four na Coruña "confirma o gran momento que vive o baloncesto coruñés e a capacidade da cidade e da provincia para acoller eventos deportivos de primeiro nivel". O deputado subliñou que a cita desta fin de semana "vai moito máis alá do resultado deportivo, porque supón unha oportunidade para amosar a forza dunha afección, dun club e dunha cidade que sente o baloncesto como parte da súa identidade".
O Leyma Básquet Coruña enfrontarase ao Palencia o sábado ás 17.30 horas na primeira semifinal. A segunda eliminatoria medirán ás 20.15 horas ao Movistar Estudiantes e ao Oviedo. Os dous equipos gañadores disputarán o domingo, ás 19.00 horas, a final polo ascenso á Liga ACB. O conxunto coruñés chega a esta fase decisiva tras superar o Hestia Menorca nos cuartos de final da competición.
Leira trasladou o apoio da Deputación ao club coruñés e desexoulle "toda a sorte" nunha fin de semana que cualificou como "moi especial para o deporte da Coruña e de toda a provincia". "Tras o ascenso do Obra, agora queremos ver subir tamén ao Basquet Coruña, a guinda dunha excelente tempada para os equipos da provincia", afirmou.
A Final Four converterá o Coliseum da Coruña durante a fin de semana nun dos grandes focos do baloncesto estatal, coa presenza de catro equipos que aspiran ao ascenso e cun Leyma que contará co apoio dunha afección entregada nunha das citas máis importantes da súa historia recente.
