Estás en:Novas

A Normal da Coruña acolleu o V Congreso Memoria Diversa organizado pola Deputación

Esta edición centrouse na relación entre a igrexa e diversidade sexual e de xénero durante o Franquismo e a Transición, converténdose nun encontro referente na memoria LGBTIQA+ galega

A iniciativa forma parte do programa "Liberdade de ser e sentir" impulsado pola Deputación para reivindicar e celebrar o Orgullo LGBTIQA+

A deputada, Sol Agra, sinalou durante a súa intervención inaugural que "é preciso coñecer o pasado, para construírmos un futuro mellor desde o presente"

A Normal da Coruña acolleu o V Congreso Memoria Diversa organizado pola Deputación

A Escola Normal da UDC foi unha vez máis o escenario onde se desenvolveu o V Congreso Memoria Diversa, organizado pola área de dereitos civís da Deputación, e que nesta ocasión se centrou na relación entre a igrexa e diversidade sexual e de xénero durante o Franquismo e a Transición. A deputada, Sol Agra Tuñas, e a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC, Cristina López Villar, foron as encargadas de inaugurar a xornada, que reuniu a investigadoras, activistas, escritoras, avogadas e representantes do movemento asociativo LGBTIQ+ nun programa que combinou perspectivas históricas, activistas, culturais e divulgativas arredor da memoria democrática, o pensamento crítico e a creación cultural.

"Hoxe faremos memoria, porque o silencio imposto despois do golpe do estado do 36 quixo borrala e hoxe escoitaremos a persoas que se rebelaron a esa imposición, agradecéndolles que nos achegaran a verdade silenciada" sinalou a deputada Sol Agra durante a súa intervención inaugural. "Houbo todo un enramado legal e social represivo, que durante a ditadura tentou eliminar a memoria dos dereitos e liberdades conseguidos na república e que foi o mesmo sistema que durante a transición impediu que coñecéramos, xulgáramos e reparáramos a barbarie sufrida polas persoas disidentes de sexo e xénero".

Neste sentido, Agra apuntou que "as persoas investigadoras, activistas e pertencentes a diferentes colectivos que nos acompañarán na xornada, propoñerannos unha reflexión colectiva sobre o papel desempeñado pola Igrexa na construción histórica das normas sociais relativas ao corpo, á sexualidade e ao xénero, así como sobre os mecanismos de represión, ocultación e violencia exercidos contra as persoas disidentes durante o Franquismo e a Transición. É preciso coñecer o pasado, para construírmos un futuro mellor desde o presente".

Entre os eixos centrais desta edición figura a reflexión arredor do Padroado de Protección á Muller, institución creada durante a Ditadura para controlar a moral e a conduta das mulleres. Esta parte do programa contou coa participación de Silvia Fernández Quinteiro, Belén Cillero e Daniela Ferrández. O congreso abordou tamén cuestións como os arquivos da memoria LGBTIQ+, as primeiras loitas do activismo galego, as terapias de conversión ou a recuperación da memoria homosexual a través da literatura e da investigación histórica. Ademais, a Fundación 26 de Diciembre protagonizou unha exposición sobre memoria e disidencia sexual e de xénero no espazo expositivo da Normal.