Estás en:Novas

Natividade González destaca a traxectoria de Xosé Lois Ledo, Premio de Honra Dolores Ben 2026

A deputada de Cultura participou onte na entrega do galardón en Cinemar Films, onde destacou a traxectoria dun profesional fundamental para o desenvolvemento e a defensa do cinema independente galego.

Natividade González destaca a traxectoria de Xosé Lois Ledo, Premio de Honra Dolores Ben 2026

A deputada de Cultura, Natividade González, participou onte na entrega do V Premio de Honra Dolores Ben ao xornalista e produtor Xosé Lois Ledo Andión. Este galardón, impulsado pola Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), naceu no ano 2021 co firme obxectivo de manter viva a memoria da que fora a súa presidenta entre 2007 e 2019, recoñecendo aquelas persoas e institucións que encarnan os seus valores de compromiso, integridade e defensa do ben común no sector audiovisual.

A entrega do galardón tivo lugar nos estudios cinematográficos de son Cinemar Films, un espazo fundado pola propia Dolores Ben no ano 2006. González, na súa intervención, quixo poñer en valor tanto o legado da homenaxeada que lle dá nome ao premio como a folla de servizos do premiado deste ano.

A deputada de Cultura expresou a profunda admiración da institución provincial por esta canle de recoñecemento sectorial, subliñando que "Dolores Ben foi unha muller pioneira e imprescindible para entender a historia do audiovisual galego". Respecto ao galardoado, Natividade González afirmou que Xosé Lois Ledo representa "parte da historia do audiovisual galego e tamén unha inspiración para quen continúa abrindo novos camiños neste ámbito".

Xosé Lois Ledo Andión, licenciado en Xornalismo e especializado en guión e documental, conta cunha traxectoria inseparable do desenvolvemento audiovisual de Galicia como administrador da produtora 'Nós, PCG, S.L.'. Ao longo da súa carreira desenvolveu unha intensa actividade como produtor, director e director de produción en pezas cinematográficas tan destacadas como Santa Liberdade, Liste, pronunciado Lister ou A cicatriz branca, ademais de asumir a produción executiva e dirección do documental Bestas, seleccionado no Festival de Cine de Málaga en 2002. No ámbito televisivo, a súa firma atópase en producións de relevancia como as series O corpo da alma e Imos de viños, e en documentais de forte compoñente social e cultural como Inmigrantes no país da emigración, O país dos mistos ou O Garabelo.

Máis alá da súa faceta estritamente creativa, o xurado valorou a súa implicación na defensa colectiva do sector. Ledo incorporouse a AGAPI en 2005, formando parte da directiva liderada por Dolores Ben e ocupando posteriormente a vicepresidencia da asociación ata o ano 2025 baixo o mandato de Felipe Lage. Nese rol de representación, chegou a defender o cinema independente no propio Parlamento Europeo, en Estrasburgo.

Con este recoñecemento, Xosé Lois Ledo súmase a un prestixioso palmarés de profesionais que custodian o legado de Dolores Ben, un camiño inaugurado no seu día pola poetisa e xornalista cultural Ana Romaní, e que continuou nas edicións posteriores coa xornalista Tareixa Navaza, a tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo, e a produtora Fernanda del Nido.